O actual presidente e candidato do Partido Popular de Galicia á Xunta, Alfonso Rueda, fará unha parada no Porriño o vindeiro domingo, 11 de febreiro, para presentar o seu proxecto, «o da Galicia que funciona, o da unidade, cumprimento, solucións, xestión, experiencia, confianza, estabilidade e dignidade».

Farao, nesta ocasión, acompañado do alcalde porriñés, Alejandro Lorenzo, que o avala unha ampla e histórica maioría absoluta acada nos últimos comicios municipais; do presidente do PP provincial e presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López e da candidata número 2 pola provincia de Pontevedra, Patricia García.

Será un mitin con xantar, a partir das 14.30 horas, no Restaurante Manolo, que estará amenizado coa actuación musical protagonizada por Lis Pardo e Antonio Barros que interpretarán o tema “Xuntos”, convertido no “himno” da “Galicia Funciona” e da campaña electoral do PPdG. Todas as persoas asistentes estarán convidadas a degustar os típicos callos do Porriño.