Alfredo Conde presentou hoxe en Tui exemplares da súa última novela, Homes de Ferro, publicada por Ézaro Ediciones e que ten como referencia a aventura vivida por catro amigos irlandeses ao bordo do Naomh Gobnait, o bote reconstruído a iniciativa de Buxa, a Asociación Galega do Patrimonio Industrial, xa convertido no emblema do Camiño por mar. A presentación tivo lugar no Club Náutico San Telmo. Esta iniciativa forma parte do programa O teu Xacobeo, impulsado pola Xunta de Galicia.

Homes de Ferro relata a viaxe emprendida no ano 2014 por un grupo de amigos irlandeses que decidían construír un bote no que emprender o Camiño Xacobeo a remo dende Dublín ata Santiago de Compostela. Unha travesía que suporía un percorrido de 2.500 quilómetros por mar, que fixeron de forma espazada ao longo de tres anos. O autor, Alfredo Conde quere deixar claro que “pese a que os nomes que aparecen en Homes de ferro son reais e corresponden a seres reais, non se trata dunha crónica xornalística e non pretende suplir literariamente a un documental”.

Para Alfredo Conde “trátase dunha novela construída a partir dunha realidade na que a maioría dos feitos son certos pero non o que pensa cada unha das personaxes que xa é a expresión da miña liberdade como novelista á hora de imaxinar os seus pensamentos e reacción”.

Segundo palabras do propio editor, Alejandro Diéguez, “ademais da edición en galego, Homes de ferro editarase tamén ao inglés”. A edición en castelán xa está dispoñible nas librarías.

Pola súa banda, o presidente de Buxa, Manuel Lara, destaca que “este novo fito no marco do proxecto cultural de Buxa podería ir seguido dun proxecto audiovisual” e dá a coñecer a través deste comunicado a recen creada web do proxecto.

“Ademais de dar a coñecer a aventura emprendida por catro amigos irlandeses en bote dende Dublín a Santiago, a páxina web nace co fin de recuperar e poñer en valor unha ruta xa empregada polos nosos antergos e que achegou a milleiros de peregrinos entre os séculos XIII e XV”, sinala.