Despois dunha pioneira experiencia o curso pasado na cidade de Pontevedra, o grupo de investigación Post-Growth Innovation Lab está a desenvolver durante este curso en Vigo unha iniciativa de ciencia cidadá coa colaboración de centros de ensino secundario da cidade. O proxecto Postgrowth SA ten como obxectivo involucrar alumnado e profesorado de Vigo para que investiguen como a cidade pode acadar unha economía azul, xusta e sostible.

A iniciativa, desenvolvida en colaboración coa Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología-Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades· “FECYT” e co Concello de Vigo, botou a andar nas pasadas semanas coas primeiras xuntanzas co profesorado e as primeiras sesións co alumnado. En total están implicados sete centros educativos e 310 estudantes dende 3º da ESO ata 1º de Bacharelato.

Brais Suárez Eiroa e Cristina Míguez González son os dous investigadores que se encargarán de desenvolver as cinco sesións presenciais que terán lugar en cada instituto ao longo do curso e que xirarán arredor da economía azul, “forte motor da cidade de Vigo”. Os mozos analizarán actividades económicas relacionadas co mar como a pesca, o turismo ou a acuicultura, entre outras, tratando de identificar as problemáticas que presentan a nivel ambiental e social.

En Postgrowth SA están involucrados o IES Coruxo, IES República Oriental do Uruguai, IES A Guía, Colexio Amor de Dios, Colexio Compañía de María-La Enseñanza, CPR Plurilingüe Mercantil e IES O Castro. Ata o mes de maio irán desenvolvéndose as sesións con estes centros, nas que se pretende formar o alumnado en ciencia cidadá, economía azul e darlles nocións para a I+D, xa que participarán nunha investigación real en ciencias sociais, explican Brais Suárez e Cristina Míguez. “Nestes obradoiros tratarase de detectar problemáticas na economía azul da cidade, elixiranse casos de estudo concretos a investigar, deseñarase a metodoloxía a seguir, formarase ao alumnado para a recolección de datos, farase unha análises dos mesmos e daráselles forma de resultado de investigación”. O proxecto culminará coa participación dos estudantes nunha especie de congreso no mes de xuño no que poderán presentar os seus estudos ante os demais centros participantes e a comunidade científica. “Toda unha experiencia para o alumnado xa que coñecerán de primeira man como se investiga”.

De momento, en cada un dos sete centros xa se desenvolveu a primeira das sesións e comezan a identificarse os primeiros resultados. Os investigadores sinalan que “as problemáticas que o alumnado cre que a economía azul pode estar causando ou causará na área de Vigo se non se regulan, son a desigualdade laboral, a contaminación, problemas de saúde ou perdas de Emprego”. Nas seguintes xuntanzas iranse perfilando e delimitando estes aspectos e avanzando en posibles solucións e propostas.

Postgrowth SA Vigo toma a remuda de Postgrowth SA Pontevedra, que se desenvolveu o curso pasado na capital da provincia. Esta experiencia piloto de ciencia cidadá buscaba propostas para crear unha cidade xusta para os próximos dez años. O proxecto desenvolveuse coa mesma estrutura con diversos centros educativos e culminou coa participación do alumnado na 10ª Conferencia Internacional de Decrecemento e 15ª Conferencia da Sociedade Europea de Economía Ecolóxica. Como explican os investigadores, unha das actividades realizadas no marco deste simposio foi un obradoiro con diferentes grupos de interese sociais para deseñar unha axenda política para a cidade. Esta axenda está a punto de ser entregada ao Concello de Pontevedra e ademais a iniciativa foi protagonista dun documental realizado pola compañía Trespés.

Como balance, Suárez e Míguez consideran que Postgrowth SA Pontevedra foi “unha experiencia fantástica da que aprender” que permitiu “levar a ciencia, a investigación e os problemas reais aos institutos”. Recoñecen que foi “motivador” ver como os estudantes traballaban “coas problemáticas que os rodean e llas explicaban a adultos pedíndolles respostas e responsabilidades”. Para eles, frases como “este tipo de proxectos non se deberían facer só en colexios” ou “os nenos  non somos os únicos que debemos solucionar a situación” amosan “perspectivas críticas que o alumnado puido descubrir” grazas a estes proxecto.