Preto de dous centenares de alumnos dos cursos de 1º e 3º de ESO, do IES Antón Alonso Ríos, de Tomiño, veñen de vivir unha experiencia moi especial. Trátase dun Obradoiro de Dobraxe, impartido polos actores galegos Suso Pando e Manuel Pombal (dous dos membros do grupo Fulano, Mengano e Citano).

A actividade, enmarcada dentro do programa do Departamento de Normalización Lingüística, ten coma obxectivo achegar aos mozos ao proceso de dobraxe, amosándolles que o idioma galego ten riqueza suficiente coma para transmitir unha mensaxe de interese.

Foron catro días de obradoiros, polos que pasaron todos os primeiros e terceiros cursos de ESO, entre o 21 e o 24 do mes pasado. Era a primeira vez, para case todo o alumnado, de tomar contacto cun estudo profesional de dobraxe e participar, coas súas propias voces, na gravación dunha escena.

Tamén para os dous actores veteranos, era a primeira vez que traballaban con estudantes de Secundaria. “Tentamos explicarlles o proceso completo de dobraxe dunha forma teatral”, explica Suso Pando. Logo da explicación, os actores proxectan unha escena dunha coñecida película de vampiros, en xaponés para máis inri.

A continuación, cámbiase a letra orixinal por outra humorística, en galego, e divídese a clase en tres grupos, para que ensaien as frases que lles tocou a cada un. Tras os ensaios, so resta animarse a ser actor ou actriz de dobraxe por un día, e prestar a voz para representar un personaxe. Por último chega o mellor momento: ver de novo a escena dobrada, e recoñecerse entre risas e sorpresas. Laura Santos e Suria Guerreiro (3ºD), son dous das alumnas participantes, que confesan ao final do taller, que lles gustaría aprender máis sobre o tema.

Sandra González, a alcaldesa, salientou o traballo realizado no obradoiro e agradece a colaboración da dirección e alumnado do IES Antón Alonso Ríos.