Esta semana comezaron os traballos previos da V edición de Xornalismo na Escola «la Caixa»’, iniciativa organizada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ‘La Caixa’, tras a selección dos seis colexiados que impartirán os obradoiros sobre comunicación a alumnos de 3º e 4º da ESO en centros de toda a xeografía galega.
Os xornalistas seleccionados para impartir os obradoiros, Ángel Castro Silva, Edith Filgueira Rodríguez, Manuel González Sánchez-Guisande, Xavier López Quiroga, María Rodiño Pérez e Olaia Tubío Rei, reuníronse hoxe na sede do Colexio de Xornalistas en Santiago para coñecerse e pór en común os seus puntos de vista sobre como achegar a comunicación ao alumnado galego, ademais de comezar a preparar o material didáctico que se usará nos institutos.
As xornadas impartiranse nun total de 90 obradoiros para escolares de 3º e 4º da E.S.O, distribuídos entre I.E.S de toda a comunidade. Nos distintos obradoiros, estes profesionais van familiarizar os escolares galegos co funcionamento dos medios de comunicación, para que os alumnos saiban a importancia da información nunha sociedade democrática, coñezan o papel dos profesionais do xornalismo e valoren a importancia de contrastar as informacións. Tamén se pretende fomentar na xente nova o espírito crítico e contribuír a que sexan conscientes dos riscos e oportunidades que lles ofrecen as novas tecnoloxías.
Os IES interesados nos obradoiros aínda poden solicitalo a través do correo xornalistas@xornalistas.gal, indicando un teléfono ou correo electrónico para contactar coa persoa responsable da actividade.
Este proxecto é posible grazas á colaboración da Obra Social ‘la Caixa’, quen hai catro anos impulsou xunto co Colexio de Xornalismo esta iniciativa de sensibilización sobre a importancia da comunicación na sociedade entre os máis novos.
