O Obradoiro de emprego “Valmiemprega III” realizou unha visita guiada dirixida aos 15 alumnos, xunto cos seus profesores do Instituto Saint-Jean Eudes de Vire en Normandía, que se atopan de intercambio co IES Auga da Laxe de Gondomar.

Foron recibidos polo Alcalde de Gondomar, quen lles dou a benvida, e acto seguido realizouse un percorrido polos arredores da Vila de Gondomar.

Iniciouse unha pequena ruta no Parque da Coelleira, onde viron a xunta dos ríos Zamáns e Morgadáns que forman o Miñor. Seguidamente, amosáronlles o Acueduto do Bravo, unha das xoias agochadas da Vila, volveuse ata o centro por un pequeno sendeiro que desemboca na Ponte de Rosas, xunto ao seu fermoso lavadoiro.

O percorrido continuou pola Igrexa parroquial e o conxunto etnográfico da Fonte e Lavadoiro de San Bieito, rematando a xornada na Praza da Paradela, onde se lles explicou a recente restauración da mesma, o edificio do concello e outras curiosidades como a escultura homenaxe aos voluntarios dos incendios forestais.

O grupo de intercambio amosouse moi interesado en todas as explicacións, e dende o obradoiro valórase moito este tipo de iniciativas que axudan a promocionar os recursos máis alá do Val Miñor.