Habitamos un planeta baixo un único ceo, ceo que é a nosa fiestra ao universo. A astronomía, astrofísica, cosmoloxía, planetoloxía, física solar ou extragaláctica guíannos no coñecemento científico dese universo, o único universo que de momento temos e do que somos parte … é arte.
Pero sen planeta que habitar e sen ceo que ver, corremos un risco certo de devolver moi axiña o po de estrelas que un día o Universo emprestounos para existir. Desperdicio enerxético, esgotamento de recursos naturais, obsolescencia programada, consumismo descontrolado, polución do ar, das augas, contaminación por microplásticos, por pesticidas, por ruído, contaminación luminosa, quecemento global.
«¿De verdade son termos que estamos dispostos a integrar sen mais no noso vocabulario cotián, sen maior importancia nin consecuencias? Non: polo menos non no IES Escolas Proval, xa que aquí temos unha aposta firme pola concienciación social e educativa en materia de reciclaxe e sustentabilidade do planeta que habitamos. Apoiamos dende hai varios anos a creación do Equipo RRR, integrado por un número importante de membros do profesorado e polo tanto decididamente a iniciativa da exposición astronómico-artística “O Universo cotián”, cuxos obxectivos están en liña cós do noso centro», sinalan dende IES Escolas Proval.
A exposición inaugúrase este martes na Casa do Concello de Forcarei ás 18:00 horas, e permanecerá aberta ata o venres 27. “O Universo cotián” ven a pechar os actos conmemorativos do X aniversario do Observatorio Astronómico de Forcarei (OAF), xestionado pola Fundación Ceo, Ciencia e Cultura, o cal abriu as súas portas ao público en 2009 durante o Ano Internacional da Astronomía, e cuxas actividades divulgativas, científicas e de investigación astronómica perseguen achegar a ciencia e os progresos e resultados relacionados con ela á sociedade, con especial énfase nos/as nenos e nenas e a mocidade de Galicia. Este X aniversario do OAF, ademais, coincide co centenario da Unión Astronómica Internacional, a cuxa celebración adhírese tamén a do observatorio.
«En particular a exposición “O Universo cotián” quere contribuír a ambas as dúas celebracións e a abrir un espazo de reflexión sobre o noso lugar no Universo, dende o prisma poliédrico da ciencia, da arte, da cultura e da conciencia social, á luz das estrelas de Forcarei. O Universo recicla, recicla todo: materia e enerxía en derradeira instancia son o mesmo. O po dunhas estrelas constrúe outras. O máis pequeno (a escalas cuánticas) e o máis grande (a escalas cosmolóxicas) está conectado: todo está conectado con todo, porque o Universo é todo, e nós somos o Universo», afirman.
«Así, igualmente todos podemos contribuír a reciclar mobles ou roupa desbotados, excedentes de producións de todo tipo, etc., como xa moitas persoas e moitas empresas fan: debemos e podemos reciclar sen excepción, coma o Universo fai, e como dende o IES Escolas Proval firmemente promovemos», explican.
«Queremos felicitar á Universidade de Vigo, ao Concello de Forcarei, e a todas as persoas e entidades que contribuíron coa súa axuda e tamén convidar a súa visita e desfrute», finalizan.