A andaina pola Ruta Máxica de Oia que foi programada para dar comezo as Andainas organizadas polo Concello da Guarda e Caminha e que debido ás malas previsións meteorolóxicas do mes de marzo foi aprazada, terá lugar o próximo sábado 26 de maio .

Os interesados deben confirmar a súa asistencia na Oficina de Turismo do Concello da Guarda ou no tel. 986614546 ou no mail turismo@aguarda.es

Esta ruta estará guiada pola Asociación Costa de Castros. A Ruta Máxica de Oia percorre uns 18 km da Serra da Groba pasando polas parroquias costeiras deste concello.

A ruta sinalizada comezará no miradoiro da Pedreira onde se atopan petróglifos e continuará coñecendo outros gravados rupestres ata chegar ao río Broi e ao espazo natural das Sobreiras do Faro, o bosque mediterráneo máis occidental.

Despois ascenderase ata o Castro do Cano do Mouros e as Pozas de Mougás onde se realizará o xantar. Nesta última parte do percorrido descenderase ata o Castro de Cabeziña. A ruta rematará na estrada PO-552 onde se atopa o Camping O Muíño.