O BNG do Rosal celebrou o pasado sábado, un acto público no que presentou as súas principais propostas de goberno para estas eleccións locais, nunha ateigada Sala de Exposicións do Concello rosaleiro, onde a candidata nacionalista recibiu o calor e apoio de máis de trescentas persoas. Contou ademais, coa presenza e apoio do deputado provincial, Uxío Benítez.
Participación veciñal
Ánxela Fernández Callís, candidata nacionalista, desgranou unha grande parte das súas propostas programáticas, froito do traballo de meses “reuníndonos con todo o tecido asociativo do Rosal”, ao que agradeceu a súa implicación e capacidade de dialogo. “Para nós escoitar e fomentar a participación veciñal será fundamental se temos a oportunidade de gobernar”, afirmou Ánxela.
Nese sentido manifestou o compromiso do BNG de “crear Consellos Municipais nos que todas as asociacións teñan voz e traballen conxuntamente co goberno local” para a coordinación, visibilización do traballo do asociacionismo e posta en común das necesidades.
Emprendemento e emprego
En materia de emprego, e dentro das competencias que ten o concello, Fernández Callís propuxo apoiar co “asesoramento para as persoas que vaian emprender un negocio e un plan de emprego municipal e comarcal en colaboración co resto de concellos do Baixo Miño”, así como reclamar da Xunta o desenvolvemento do Polígono Industrial.
Así mesmo, comprometeuse a “apoiar o comercio local e a restaurar a praza de abastos escoitando ós praceiros e veciñanza, apostando polo comercio de proximidade”, dixo.
Praza do Calvario e entorno
Outra das propostas presentadas pola candidata nacionalista foi a da mellora da Praza do Calvario e o seu entorno. Nese sentido dixo que “unha praza fermosa e emblemática como é a do Calvario, ten que ser para que desfruten dela desde os nenos ata as persoas maiores”, comprometéndose a escoitar aos comerciantes “de dentro e de fóra da praza” – puntualizou – asociacións, veciños e veciñas e “habilitando as zonas de aparcamento máis accesibles. Xuntos converterémola no mellor lugar de encontro para toda a veciñanza”, afirmou.
Así mesmo, no eido cultural, deportivo e patrimonial, propuxo crear “unha axenda cultural, lúdica e deportiva conxuntamente co asociacionismo que programe as actividades, actuacións e eventos” que se desenvolvan no Rosal e “por en valor e visibilizar o patrimonio cultural, arqueolóxico, gastronómico natural”, manifestou.
Do mesmo xeito, comprometeuse a dar solución ao problema da xestión das augas residuais, “contemplando a opción máis viable económica e ambientalmente”, sobre todo en San Xian, Portecelo e Pías.
Pola súa banda, Uxío Benítez, deputado provincial de Mobilidade, fixo referencia ao proxecto integral da Deputación para a Praza do Calvario que xa se presentou no Rosal. Puxo varios exemplos tamén de como o concello de Tomiño, nos anos de goberno do BNG, foi transformado para hoxe ser unha referencia a seguir para a comarca e a nivel nacional.
O acto foi conducido e presentado, por Ramón Fernández Leal, histórico militante nacionalista que fora concelleiro, e que falou de como coñeceu a Ánxela, da súa relación con ela cando foi súa alumna, e valorando a súa figura, da que dixo “reune as características que eu máis valoro nas persoas. É sensible aos problemas persoais e sociais. Solidaria. Ten empatía, é quen de pórse no lugar das persoas coas que se relaciona. É conversadora, sabe escoitar. É librepensadora, manifesta os desacordos con calma. Ten ilusión e é ilusionante. Ánxela ten a virtude da humildade, sabe de onde ven. Non vai esquecelo xamais. Ánxela está acostumada a traballar en equipo. É futbolista en activo e pertence á Agrupación Musical do Rosal, dúas actividades que queren traballo en colectivo”, afirmou.
Rematou a súa presentación pondo en valor a formación da candidata nacionalista, “Ánxela é economista e ten un máster en Finanzas. Un máster dos de verdade, nos que hai que estudar moito”, dixo e engadiu que “na súa especialidade é quen de ter en conta o pasado para saber o que hai que manter e o que hai que cambiar e tamén sabe planificar o futuro para aplicar no presente”.
“Queremos que Ánxela sexa alcaldesa e que se fagan as cousas contando coa participación da veciñanza, planificando, escoitando. Ánxela ten que ser alcaldesa porque no Rosal nótase, percíbese a necesidade dun cambio” rematou.