Na tarde de onte o Candidato á Alcaldía polo BNG, Anxo Baz, acompañado da Portavoz Nacional do BNG, Ana Pontón e das persoas que o acompañan na candidatura, participaron nunha visita ao comercio da localidade.
Anxo Baz, pediu o apoio da sociedade “para darlle A Guarda o futuro que merece e desenvolver un proxecto que vai colocar a vila, na vangarda da comarca afastándoa da parálise na que está instalada”. Para levar adiante ese proxecto destacou “contamos cun grupo de mulleres e homes entusiastas e vitais, co empuxe e o optimismo que tanto necesitamos para saír adiante. Unha equipa solvente, capacitada, ilusionada, que combina a experiencia coas novas ideas”.
Pola súa parte a Portavoz Nacional do BNG , Ana Pontón, fixo un chamamento a facer historia concentrando en Anxo Baz todo o voto das persoas que queren un cambio real na Guarda e enfatizou “o BNG ten un modelo municipal de éxito, de calidade e de prestixio, que transforma en positivo. No Baixo-Miño temos exemplos ben claros deste modelo, que aporta as solucións máis vangardistas aos retos deste século XXI, como o da mobilidade, o cambio climático,a xestión de residuos ou a preservación do noso medio ambiente dándolle calidade de vida a xente e dinamizando a economía”.
