O candidato á Alcaldía da Guarda polo BNG, Anxo Baz, comprométese a traballar na defensa dos intereses da vila liderando o vindeiro goberno municipal para «mellorar a calidade de vida da veciñanza«.

O nacionalista manifestou que “queremos construír a Guarda do futuro e sacala do estancamento que padece. Por iso, apostamos por un concello amigo, que escoite,  próximo aos intereses e preocupacións da veciñanza. Se o BNG foi clave na reforma integral do pavillón, queremos ser os actores principais na transformación do mercado municipal, da piscina, da biblioteca, do conservatorio”.

Entre as moitas propostas que foi debullando ao longo da súa intervención afirmou que “precisamos con urxencia un goberno que estableza como unha prioridade a comunicación da Guarda con Caminha e traballe con decisión ata conseguilo”.

Por outra parte, o deputado do BNG no Congreso erixe a Anxo Baz como o futuro alcalde que precisa o concello da Guarda e sinala que o equipo do BNG está preparado para liderar o vindeiro goberno municipal, permitindo así, desenvolver políticas verdadeiramente transformadoras que muden, en positivo, a vida da xente. “Queremos estender e mellorar os servizos públicos, temos esa vocación, e mesmo queremos dotar de máis recursos o concello para mellorar a calidade da vida da xente”, salienta Rego.

Mais, para este obxectivo, Néstor Rego explica que o grupo municipal do BNG no Concello da Guarda non só contará co apoio dos concelleiros nacionalistas, senón co apoio “de toda a organización do BNG que xa ten experiencia e proxectos municipais consolidados”. “A marca de concellos BNG é unha marca de prestixio dentro do proxecto nacionalista que aspira a mudar a realidade do País e que cumpre con todo aquilo co que se compromete” reivindica o deputado do BNG no Congreso.

Unha organización da que tamén pon en valor o traballo realizado no Congreso que, grazas ao traballo do conxunto da militancia do BNG, “non existe problema nin solución que o BNG non levara á cámara baixa para reclamar ao Goberno do Estado que atenda as necesidades do País”. Neste sentido, Rego destaca o papel da formación nacionalista no Congreso, defendendo de maneira incansábel «os intereses dos galegos e galegas, así como das maiorías sociais e as clases populares».