O candidato á alcaldía da Guarda polo BNG, Anxo Baz, no peche de campaña en San Caetano, dirixiuse a todo o pobo da Guarda para pedirlle o apoio masivo á candidatura que lidera para conformar un goberno sen ataduras, capaz de   facer da Guarda un Concello vivo con dinamismo social e económico.

Nunha clara referencia aos gobernos nacionalistas  de Tomiño e o Rosal afirmou “Chegou o momento de deixar de mirar con resignación como avanzan os Concellos da nosa contorna. Chegou o tempo de  transformar A Guarda en positivo. A Vila ten méritos sobrados para saír adiante da man dun goberno  BNG aliado coa veciñanza. O proxecto do BNG é un modelo municipal que funciona, tal como se demostra nos concellos onde gobernamos, convertidos en referentes dentro e fóra de Galiza”.

O nacionalista rematou a súa intervención, aseverando que “estamos diante  dunha oportunidade histórica  para acometer o cambio que A Guarda precisa. Acompáñanme un grupo de mulleres e homes  entusiastas e vitais, co empuxe e o optimismo  que tanto necesitamos para saír adiante. Unha equipa solvente, capacitada, ilusionada, que combina a experiencia coas novas ideas”.

Pola súa parte o exportavoz nacional do BNG Guillerme Vázquez, iniciou a súa intervención  afirmando que ve a Anxo Baz como o futuro alcalde da Guarda e sinala que o equipo do BNG non vai defraudar e está preparado para liderar o vindeiro goberno municipal, permitindo así, desenvolver políticas verdadeiramente transformadoras que muden, en positivo, a vida da xente.

Guillerme Vázquez contextualizou estas eleccións no panorama político xeral e afirmou “cantas máis Alcaldías logremos, canta máis representación teña o BNG nos Concellos , mellor  preparados estaremos para frenar as políticas neoliberais, para combater o desmantelamento da sanidade pública  que leva adiante o PP desde que chegou a Xunta de Galiza ou para parar o espolio enerxético que se aveciña no mar que conta co respaldo do Goberno do PSOE no Estado e do PP na Xunta de Galiza”.