O BNG celebrou no día de onte un acto público no Casino da Guarda. Un acto concorrido que se encargou de presentar Miguel Fernández nº 6 da lista do BNG.
“Hoxe, temos unha lista forte e reforzada cun candidato, Anxo Baz, traballador, dinámico, comprometido, crecano e o máis importante honrado. Con él o Concello da Guarda vai ser, por fin, a Casa de todos”, comentou Miguel.
Bea Lomba, candidata nº 2 e responsábel local sinalaba a importancia de realizar un cambio real, “os que queren un cambio e non confían no PP, que voten ao BNG. Os que queren un cambio e non queren ao PSOE, que voten ao BNG. Fagamos unha nova maioría para darlle un cambio de rumbo ao noso pobo, un cambio de rumbo da man do mellor patrón, Anxo Baz”.
A continuación, Montse Prado deputada no Parlamento Galego, manifestou a necesidade de ter presenza en Europa. “Con Ana Miranda no Parlamento Europeo, Galiza terá presenza, terá voz como tivo nos últimos anos defendendo aos emigrantes retornados, aos preferentistas ou esixindo responsabilidades polo accidente do Alvia, no que PP e PSOE deixaron tirados ás vítimas. Pero tamén será unha voz que denuncia esa Europa dos capitais que non é a solución aos problemas de Galiza, se non a responsábel dunha gran parte deles«.
Anxo Baz, candidato do BNG á Alcaldía da Guarda, asegurou que “un goberno do BNG, vai ser un goberno de compromiso co pobo, de traballo diario, fuxindo dos grandes anuncios que logo quedan en nada. Traballo, traballo, traballo, para unha Guarda diferente”.
Diante dun auditorio abarrotado presentou un equipo solvente, cun proxecto de pobo baseado en devolver as rúas ás persoas, pular por sectores estratéxicos como o comercio, a pesca… poñer en marcha consellos de participación cidadá ou pór en valor fitos tan importantes como o monte Trega.
Comprometeu unha acción de goberno honesta, amábel e respectando aos veciños e veciñas, ante os aplausos dos asistentes ao acto.