O restaurante O Lugar acolleu a pasada noite un encontro coa agrupación socialista de Oia encabezada por Gerardo Rodríguez, quen trasladou á veciñanza as súas propostas «para darlle a Oia o cambio que precisa e recuperar estes anos perdidos«. O cabeza de cartel do PSdeG-PSOE lembrou que os populares volveron a gobernar a través dunha moción de censura pero quen nin neste último mandato nin nos 40 anos anteriores fixeron unha aposta real por este concello.
«Agora fan fotos con altos cargos pero fanas diante de obras e infraestruturas que se fixeron con cartos da Deputación de Pontevedra, que leva investidos en Oia neste mandato case 2,5 millóns de euros«, afirmou o secretario xeral dos socialistas da provincia de Pontevedra, David Regades, quen arroupou a Gerardo Rodríguez nun acto no que tamén participou a deputada no Congreso por Pontevedra, Ángeles Marra.
Regades amosouse convencido do triunfo das e dos socialistas en Oia, «un triunfo rotundo, sen paliativos, que permitirá que Gerardo poida relanzar de novo a Oia e poñela no lugar que lle corresponde, despregando o proxecto que ten para este concello«, afirmou Regades, quen lle tendeu a man tamén como delegado da Zona Franca para impulsar economicamente o concello e levar adiante propostas conxuntas que permitan xerar emprego e oportunidades para a veciñanza. «E iso será posible porque tes as administracións públicas do teu lado, tes a Zona Franca, terás a Deputación de Pontevedra con Carmela Silva de novo á cabeza e terás tamén o goberno autonómico cando Gonzalo Caballero sexa o próximo presidente da Xunta de Galicia«, afirmou entre aplausos.
Gerardo Rodríguez, pola súa banda, tamén aproveitou agradecer o apoio da Deputación de Pontevedra, que cos seus investimentos fixo posible garantir servizos básicos para os veciños do concello, ademais de afrontar investimentos fundamentais en materia de abastecemento, mobilidade ou infraestruturas e aproveitou para esbozar as primeiras medidas de goberno, de contar co apoio dos veciños de Oia.
Neste sentido, o candidato socialista de Oia amosouse partidario de avanzar no proceso de recuperación do Mosteiro de Oia, que reabriu este ano as súas visitas pero ao que lle resta moito para ser un proxecto economicamente viable que garanta a posta en valor destes patrimonio. Ademais, Rodríguez avanzou que «imos facer unha aposta firme e decidida polo Camiño de Santiago, que está chamado a ser un dos nosos motores económicos, especialmente de cara á vindeira celebración do Xacobeo 2021«, afirmou.
Cabe lembrar que o Camiño Portugués recorre os 17 quilómetros de liña costeira do concello de Oia, o que fai que os peregrinos fagan unha etapa completa neste territorio, co conseguinte impacto económico. Este itinerario é o segundo máis empregado polos romeiros que van cara a Santiago, 68.000 foron o ano pasado, unha cifra que medra cada ano, o que ofrece moitas oportunidades de promoción económica e impulso turístico de Oia.
Pola súa banda, Ángeles Marra subliñou que é posible “unha alternativa de progreso en Oia” baixo o mandato de Rodríguez, “cun goberno para toda a cidadanía”. “Imos traballar para que a confianza depositada en Pedro Sánchez nas pasadas eleccións xerais se consolide en todas as alcaldías da provincia e teñamos alcaldes socialistas como Gerardo Rodríguez”, afirmou a deputada no Congreso desde o pasado 28 de abril.
“Imos demostrar que é posible gobernar doutra forma”, engadiu Marra, “dando confianza e seguridade ás nosas e nosos maiores asegurando que as pensións se revaloricen, apoiando a educación pública con bolsas, con educación pública e gratuíta de 0 a 3 anos, con salarios dignos, xustiza social, convivencia e igualdade de oportunidades”, expuxo.
A deputada defendeu que as e os socialistas “traballamos coa mirada positiva e altura de miras” desde que Pablo Iglesias fundou o PSOE fai 140 anos, recordando a importancia de ir votar o próximo 26 de maio “para seguir avanzando”.