O candidato do BNG á alcaldía da Guarda, Anxo Baz, presentou xunto cos nove primeiros membros do seu equipo un completo programa electoral para unha transformación en positivo no que as persoas son o centro, unha alternativa de cambio para desenvolver un modelo de vila participativo e dinámico.

Oito ideas para transformar A Guarda con varias ideas clave, como a recuperación do espazo público para a veciñanza, lugares de lecer e convivencia, de calidade, accesíbeis e seguros. Un proxecto para o que será fundamental desenvolver o PERI nº 5 xa que, como explica Anxo Baz,  “permitirá dotar á nosa vila de 15.000 m2 de solo público que, sumado á Alameda, permitiría crear unha grande área destinada a zonas verdes, aparcamentos en superficie e infraestrutura cultural”.

A dinamización da economía local e a potenciación dos recursos son outro dos eixos fundamentais do programa do BNG, que apostará por dinamizar o comercio de proximidade convertendo A Guarda no gran referente comercial da comarca, apoiará todas as iniciativas empresariais vinculadas ao sector do mar e outros sectores produtivos e desenvolverá un modelo turístico sostíbel e desestacionalizado respectuoso co patrimonio natural, histórico e paisaxístico.

Un patrimonio material e inmaterial que o BNG abordará non só como recurso, senón tamén como elemento central da conformación e cohesión, cunha recuperación que estea integrada na vida cotiá da veciñanza e na estratexia educativa, cultural e turística do Concello, creando paquetes de actividades que poñan valor os recursos e colaborando con outras administracións para a recuperación e activación do Monte Trega, tendo como referencia o Plan Director do Trega.

Na presentación do programa, Anxo Baz tamén quixo destacar a importancia de promover fomentar unha Guarda máis limpa e sostíbel “promovendo un modelo de xestión dos residuos municipais apoiado na implicación e participación de toda a sociedade, apostando de forma decidida pola compostaxe e a redución”. Ademais, impulsarase un sistema de control da rede de augas “para arranxar as deficiencias existentes e detectar outras novas que poidan xurdir, tanto en abastecemento como saneamento”.

O BNG da Guarda apostará tamén por unha comunicación “eficaz e sostíbel” con Caminha, “unha necesidade de primeiro orde para xerar dinamismo económico e social entre as dúas beiras do Miño”. Por este motivo, Anxo Baz e o seu equipo abriría as portas á constitución da Eurocidade para compartir infraestruturas, recursos, proxectos e accións en común.

Un proxecto de futuro no que as persoas son fundamentais, polo que o BNG apostará por unha política na que a comunicación coa sociedade e a escoita amábel serán fundamentais para lograr un Concello amigo e próximo aos problemas da veciñanza, un Concello que contará coa participación de colectivos e entidades nos procesos de toma de decisión dos seus ámbitos sectoriais.

“Contar cos nosos veciños e veciñas, escoitar as súas opinións, ideas e necesidades é fundamental para seguir avanzando e crear unha vila máis próspera e sostíbel. E nós centraremos todos os nosos esforzos en conseguilo. Porque A Guarda merece máis”, concluíu Anxo Baz.

As persoas interesadas poden ler e descargar o programa completo na web do BNG da Guarda.