ALFREDO

Nun comunicado de prensa, o candidato a alcaldía de Gondomar por Manifesto Miñor, Antonio Araujo, sae defendéndose sobre as pintadas ameazantes sobre a súa persoa que apareceron no portal da súa casa.

Comunicado:

Quen me leva seguindo ao longo da miña vida política e/ou pública, que é moi longa e por iso mesmo chea de incidentes e sucesos de todo tipo, sabe que nunca xamais falei de min mesmo pois sempre entendín que as consecuencias desa actividade non tiñan porque malferir a miña familia ou ás persoas próximas que quero. Hoxe co voso permiso vou facer unha excepción pois entendo que se traspasaron liñas vermellas intolerables nunha sociedade que presume de democrática, e máxime, se falamos dun concello e dunha vila onde nos coñecemos todos.

Non podo nin quero sinalar a ninguén pois non teño probas, porque os covardes que así actúan sempre o fan pola noite ou embozados no anonimato, pero si quero poñer enriba da mesa o debate sobre a febleza desta democracia con moitos fallos que tamén ten a súa versión populista nos concellos…e que algúns combatemos as máis das veces a peito descuberto. Valaí están as consecuencias !!

Fagamos memoria e analicemos  como se cría este caldo de cultivo. A finais de 2021 o Alcalde de Gondomar anuncia nun Pleno da Corporación Municipal o meu “inminente exterminio” porque seica era un cancro. A denuncia nunca saíu do Cuartel da GC, e medio ano despois foi arquivada por un xuíz cualificándoa pouco menos que dunha tirapuxa entre políticos.

Hai uns meses á miña compañeira de Grupo Municipal, Rocío Cambra, tamén con noturnidade e aleivosía, cortáronlle a mangueira da auga na obra da súa casa en construción causando danos dunha certa consideración. A semana pasada, nada máis máis comezar a campaña electoral varias ducias de bandeirolas de “Manifesto Miñor” foron derrubadas con saña das farolas e ciscadas entre as silveiras. Esta mesma semana os nosos cartaces colocados nos espazos que legalmente nos concede a Xunta Eleitoral están sendo saboteados…… E agora isto no portal do garaxe da miña casa.

Pídolle a quen teña ascendencia sobre este tipo de hooligans que digan ou fagan algo para cortar de raíz estas prácticas. Sería bo para todos.

Pola miña parte só teño que dicir que este tipo de accións filo-nazis só reforzan as miñas conviccións e obxectivos, que non son outros que a defensa do ben común, e que obviamente, nin me van calar nin me van meter medo.