Paseo Louro

O Pleno da Corporación Municipal do Porriño ven de aprobar unha moción presentada polo BNG que impulsa desde o Concello a declaración do río Louro e os seus regos como Espazo Natural de Interese Local (ENIL). O ámbito que se pretende protexer parte do Paseo do Louro, no casco urbano, e chega até as Gándaras de Budiño, no límite coa Rede Natura, co fin de crear un corredor ecolóxico de flora e fauna que poña en valor este espazo natural singular.

Acadar esta figura que outorga a Xunta de Galicia servirá para protexer no seu conxunto os ecosistemas do Louro ao seu paso polo Porriño, complementando así a protección ambiental coa que contan na actualidade As Gándaras de Budiño, dentro da Rede Natura.

Desde o Bloque defendemos traballar para converter o Louro no pulmón verde que O Porriño precisa. A administración local ten que asumir o compromiso de tomar as medidas que permitan garantir a conservación e rexeneración deste espazo, e realizar as actuacións necesarias para preservar esta riqueza natural. Hoxe existen múltiples factores de risco para este ecosistema, como a presión urbanística e industrial, caso da continuidade do matadoiro na súa localización actual, ou o Centro de Transportes que Zona Franca proxecta construír en Torneiros; así como a introdución de especies vexetais e animais foráneas, as talas e desbroces agresivos, o emprego de herbicidas, os vertidos incontrolados, unha iluminación agresiva ou o alto volume de ruídos que soporta.