19 de Meirás
BNG

O concello de Nigrán, a instancia do BNG, aprobou na tarde de onte unha moción de apoio ao colectivo “19 de Meirás”, na que se reclama tamén que o Pazo de Meirás pase a ser patrimonio público galego. Esta moción contou co apoio, ademais do BNG, de PSOE, Nigrán Decide e UCN, e coa abstención do Partido Popular.

O portavoz do BNG no concello, Xavier Rodríguez, expresou a satisfacción do BNG polo acordo acadado, e sinalou que “é unha esixencia democrática manifestar a nosa solidariedade cos dous veciños do Val Miñor, así como coas outras 17 persoas denunciadas pola Fundación Nacional Francisco Franco, por participar na ocupación pacífica e simbólica do Pazo de Meirás”.

Entre os acordos que figuran na citada moción maniféstase o rexeitamento á denuncia formulada pola familia Franco e a Fundación Francisco Franco contra 19 demócratas que na mañá do 30 de agosto do ano 2017 realizaron unha acción simbólica e pacífica que serviu para reavivar o debate en torno á necesidade de rematar cos privilexios do franquismo, a comezar polo Pazo de Meirás, espoliado en tempos da ditadura franquista e exixindo ao goberno do Estado que inicie de xeito inmediato accións legais contra a propiedade do Pazo de Meirás, apoiándose nos informes histórico-xurídicos elaborados pola Deputación da Coruña.

Do mesmo xeito, coa aprobación desta moción, o pleno municipal expresa o rexeitamento do uso do Pazo de Meirás por parte da Fundación Nacional Francisco Franco, que fai apoloxía do xenocidio fascista, da ditadura e do ditador Francisco Franco, e demanda iniciar accións encamiñadas á ilegalización da citada Fundación. Neste sentido o BNG quere manifestar a súa satisfacción pola resolución que acaba de aprobar o Parlamento Europeo conminando ao Estado español a ilegalizala.