O pleno da Mancomunidade aprobou a iniciativa do BNG que insta á Xunta a manter ás mancomunidades de concellos como beneficiarias das subvencións para a prestación do servizo de vixilancia, rescate e salvamento nos espazos acuáticos naturais e instalacións acuáticas descubertas.

Na moción presentada polo representante do BNG Iago Pereira, expúñase que este ano as bases reguladoras das subvencións a concellos de Galicia para a prestación deste servizo deixaban fóra da subvención, por vez primeira, ás mancomunidades de concellos. Iso obrigou, no caso dos concellos do Val Miñor, a facer fronte a 26.000€ con fondos propios, un custe engadido para as respectivas arcas municipais «que gravan directamente á veciñanza».

Para o BNG este feito supón “unha clara decisión política do actual goberno galego do PP de non apostar polas mancomunidades e de baleiralas de contido para evitar a comarcalización de servizos” afirman.

Ademais desta «desafortunada decisión«, a organización nacionalista critica a «nefasta xestión do goberno do Sr. Rueda ao iniciar o trámite da subvención ao final do mes de maio, polo que supón de dificultade engadida para conseguir organizar o servizo de socorristas con tempo suficiente para encarar con garantías a época estival».

O BNG considera que o traballo que desempeñan as persoas socorristas nas diferentes praias do Val Miñor é fundamental para garantir os servizos de información, vixilancia, rescate, primeiros auxilios e salvamento. Por iso, “apostamos pola mancomunidade de concellos do Val Miñor como unha oportunidade de dotar de mellores servizos, sempre dende a xestión pública, para os concellos de Nigrán, Gondomar e Baiona”, indica Pereira.

A moción aprobada, ademais de instar a Xunta de Galicia a que considere como beneficiarias desa subvención ás mancomunidades de concellos, solicita da Administración galega que publique a convocatoria no primeiro trimestre do ano, para facilitar aos concellos a correcta xestión, organización e posta en marcha do servizo a tempo para o verán.