O pleno municipal celebrado o pasado xoves aprobou a moción do BNG de Gondomar que insta a Xunta e Concello a garantir o servizo de comedor ao alumnado do CRA Antía Cal para o vindeiro curso.
A moción, que foi aprobada por toda a corporación agás a abstención do PP de Paula Bouzós, insta á Consellería de Educación da Xunta de Galicia a repoñer, para vindeiro curso escolar, o servizo de comedor a todo o alumnado da aula de Peitieiros que o solicite e a ampliar a cobertura ás outras catro aulas (Chaín, Couso, Morgadáns e Vilaza), e ao goberno local de Gondomar a prestar o servizo mentres non faga a Xunta.
Para o BNG de Gondomar é lamentable que, rematado o prazo de reserva de prazas para o curso 2025-2026, non estea resolto este problema e que as crianzas de 3 a 6 anos do CRA Antía Cal poidan volven ficar excluídas dun servizo que debería ser universal, e as súas familias privadas dunha ferramenta imprescindíbel para a conciliación, coas conseguintes consecuencias negativas tanto a nivel familiar como económico e laboral.
A portavoz municipal Manuela Rodríguez insiste en que “é urxente que se recupere o servizo para evitar a perda de matrícula para o curso 2025-2026”. A nacionalista defende que non se pode consentir que a falla de servizos acabe co colexio rural como modelo educativo alternativo, “que semella ser o obxectivo da Xunta do PP”, indica.
A Xunta do PP e o Concello do PSOE incumpren os compromisos
O decreto da Xunta que regula o servizo de comedores escolares indica que a finalidade do comedor escolar ten unha nova virtualidade derivada ‘da súa condición de importante instrumento para a conciliación da vida laboral e familiar’.
Di ademais que ten dereito ao servizo o alumnado que curse segundo ciclo de educación infantil (3-6 anos) dos centros con instalacións de comedor e os dos centros próximos que carezan delas. A aula de Peitieiros do CRA Antía Cal de Peitieiros-Gondomar está en frente do CEP Neira Vilas e do seu comedor, só hai que cruzar unha rúa.
Desde o BNG denuncian novamente que hai dous anos, incumprindo o seu propio decreto, a Consellería de Educación decidiu prohibir que as nenas e nenos do CRA teñan a posibilidade de acudir a ese comedor. Que a Consellaría de Educación decidiu privar ás familias dun servizo esencial e obrigándoas a optar por outro centro se precisan conciliar.
E denuncian tamén que goberno local tampouco cumpre. Así, en campaña electoral o alcalde afirmaba que ía converter a vivenda anexa á aula do CRA en Peitieiros en comedor escolar, e non foi. No verán de 2024 prometeu que xa estaban iniciados os trámites e solicitados os fondos á deputación, e non foi. Certo que a deputación lle denegou a subvención, pero el dispuxo de 2,7M€ de remanentes no Concello, e tampouco o fixo.
Así as cousas, por un lado o PP da Xunta négalles o comedor ás crianzas da aula de Peitieiros porque, supostamente, ao alumnado do CRA non lle corresponde ese servizo. E, por outro, o PP da Deputación négalle ao Concello o financiamento para habilitar un comedor, supostamente, porque ese servizo non é competencia municipal. “Como diría o refrán: ‘nin come, nin deixa comer’, nunca mellor dito”, lamenta Rodríguez.
Desde o Bloque Nacionalista Galego de Gondomar “esiximos que Xunta e Concello pacten unha solución que permita recuperar esteservizo esencial para as familias”.