A moción do BNG para que a Deputación se implique na dotación dunha nova sede para o Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) do Val Miñor da man da Mancomunidade e da Xunta de Galiza saíu hoxe adiante no Pleno provincial cos catro votos a favor das deputadas do Bloque e as abstencións do PP, que considera que xa están solucionadas parte das deficiencias existentes, e do PSOE, que pediu que sexa a Xunta a que se faga cargo das melloras.
A deputada Manuela Rodríguez lembra que o GES do Val Miñor ten que atender unha poboación de 45.000 persoas, unha cifra que se triplica no verán, cunhas instalacións que actualmente son insalubres e ademais teñen unha localización pouco operativa para facilitar as saídas en situacións de urxencia.
Grazas á aprobación da moción, a Deputación deberá agora iniciar as xestións pertinentes, da man dun convenio coa Xunta e da Mancomunidade -como administracións competentes na materia-, para dotar dunha nova localización á sede nun lugar axeitado que facilite a comunicación con todo o Val, cunhas instalacións deseñadas funcionalmente para o seu cometido e exclusivas para o servizo. Sinalou Rodríguez que Porto do Molle podería ser unha situación axeitada que debería estudarse porque o emprazamento actual é problemático ao estar próximo a un IES con moito movemento de xente e ter accesos estreitos.
Así mesmo, a nacionalista reclamou que, ata que se dispoña dunha nova sede, a Deputación debe colaborar para, no inmediato, acondicionar a sede actual para mellorar a súa operatividade, traslandándoa de ser necesario a outro espazo de maneira provisional mentres duren as obras.
Rodríguez destacou que a situación das instalacións do GES “é de sobra coñecida” dende hai anos sen que “nin a Xunta do PP nin os sucesivos presidentes da Mancomunidade, os socialistas de Nigrán e Gondomar, e o popular de Baiona, fixeran nada por arranxala”, polo que aplaudiu que, dado que os problemas van a peor, a Corporación provincial asuma a necesidade da actuación e corrixa de maneira definitiva a precariedade que vive o servizo de emerxencias.
A nacionalista puxo de manifesto que as partidas aprobadas pola Mancomunidade para arranxar algúns dos problemas das actuais instalacións “non chegan nin para empezar”, e lamentouse de que realmente o organismo supramunicipal «non desenvolva as potencialidades para prestar máis e mellores servizos na comarca».
A voceira do BNG foi especialmente crítica co PP, quen «da man do alcalde Vázquez Almuíña dixo que parte das necesidades do GES xa están solucionadas e outras están en trámites». Destacou que dicir iso «é ter un grande descoñecemento da realidade».
