poeaje de vincios
ALFREDO // Peaje de Vincios

No pasado pleno ordinario celebrado o 25 de marzo aprobouse a moción do BNG de Oia sobre a transferencia da AP9 a Galicia.

«A pesar da súa importancia estratéxica, esta infraestrutura ten unhas tarifas desorbitadas que teñen que soportar a diario arredor de 22.000 galegos. Esta peaxe abusiva é un verdadeiro lastre para a economía das persoas e das empresas do noso país», indican dende o BNG de Oia.

Os nacionalistas critican que «a historia da AP9 é a crónica dunha discriminación con Galicia, que nos ten costado miles de millóns de euros en peaxes. Cómpre lembrar que a concesión desta autoestrada remataba en 2013, e que, se aínda temos que seguir pagando polo seu uso, é porque esta foi ampliada por parte dos distintos gobernos do Estado -dez anos polo goberno de Felipe González en 1994 e 25 anos por parte do goberno de José María Aznar en 2000″.

«A maiores, – din- en 2003, o goberno de Aznar venderíaa co beneplácito da Xunta -da que era conselleiro de Ordenación do Territorio, o actual Presidente, Núñez Feijóo. Como consecuencia destas decisións políticas, hoxe Galicia conta non só cunha das autoestradas máis caras do Estado senón tamén coa concesión máis longa posíbel, 75 anos, até 2048. Así, mentres en Galicia pagamos as peaxes máis caras, a práctica totalidade das  autoestradas do Estado ou son de balde ou o serán en breve. O que supón un forte impacto económico para os petos de miles de traballadores e un lastre á competitividade das nosas empresas é, á súa vez, un suculento negocio para a empresa concesionaria, que en 2019 recadou 153 millóns de euros, uns 420.000 euros diarios«.

A loita social e institucional para poñer fin a este abuso vén de lonxe. En abril de 2016, o Parlamento de Galicia aproba por unanimidade, a instancias do BNG, a Lei para a transferencia da AP9 a Galicia, que sería vetada pola Mesa do Congreso o 13 de decembro dese mesmo ano. O mesmo veto tería o novo proxecto de Lei impulsado polo BNG a comezos de 2017 e aprobado polo parlamento galego en maio de 2017. E ao tempo que se vetaba a transferencia e o rescate da AP9, o goberno do Estado aprobaba a principios do 2018 o rescate de 8 autoestradas de peaxe ruinosas, entre elas as radiais madrileñas. «Unha decisión que tería un custo para as arcas do Estado de máis de 4.000 millóns de euros. Non había diñeiro público para rescatar a AP9, mais si o había para salvar ás construtoras e á banca que construíron e xestionaron autoestradas ruinosas. Por fin, o 2 de febreiro do presente ano o Congreso aproba, por ampla maioría, a toma en consideración da Lei de Transferencia de Titularidade e Competencias da Autoestrada AP9 proposta polo BNG», expoñen dende o Bloque.

«Mentres a tramitación desta Lei non conclúa -algo que debería ter lugar no actual período de sesións-, é preciso que se efectivice canto antes a rebaixa das peaxes da AP9 e a gratuidade do treito Redondela-Vigo comprometidos no acordo de investidura co BNG. Unhas rebaixas históricas só pendentes de efectivizarse, e para o que o goberno do Estado dispón de 54,9 millóns de euros nos orzamentos de 2021«, rematan.