O Pleno da Corporación Municipal de Gondomar aprobou onte por unanimidade a moción presentada por Manifesto Miñor que non tiña outra pretensión que seguir avanzando na creación de consciencia medioambiental entre a veciñanza da vila Condal.

«A proposta de MM, como se dixo no Pleno, leva anos funcionando en moitas cidades e vilas do Mundo, por certo, con contrastada efectividade. Se temos en conta que moito do peixe que consumimos trae nos seus estómagos microplásticos que chegan ao mar dende territorios a miles de quilómetros e a través dos sumidoiros das cidades, quere dicir isto que efectivamente estamos diante dun grave problema de dimensións incalculadas, na maioría dos casos, provocado por un xesto tan “inocente” como pode ser tirar unha cabicha de tabaco ou un envoltorio de caramelo pola reixa do sumidoiro dunha rúa de Gondomar. Aquí comeza o problema porque xustamente nos sumidoiros Comeza O Mar«, sinalan dende MM.

«As persoas que levamos anos colaborando con “Proxecto Ríos” vimos observando con satisfacción, como cada ano que pasa a retirada de lixo vai diminuíndo nos ríos de Gondomar, e sobre todo, detectamos a ausencia de lixo novo (salvo casos puntuais en lugares de “mini-botellón”) pero, lamentablemente séguense a retirar plásticos e lixo, nalgúns casos, con máis de 40 anos de antigüidade. Por sorte, os tempos de ter que retirar do leito dos nosos ríos colchóns, neveiras ou televisores vellos… xa é historia», indican.

«Isto é un sinal moi importante que indica que a consciencia medioambiental da veciñanza vai medrando, daí a importancia destas accións e da visibilización de persoas de todas as idades, sobre todo nenos, recollendo lixo dos nosos ríos un domingo pola mañá……O Planeta tamén se pode (debe) coidar dende Gondomar«, explican.

Esta foi a proposta aprobada por unanimidade:

“A Corporación Municipal de Gondomar acorda rotular, pintar, gravar nas lousas, ou colocar placas indicativas (acompáñanse fotografías de modelos usados noutras cidades) coa lenda “O Mar Comeza Aquí”, nas bocas dos sumidoiros que dan ás rúas ou estradas da Vila e nas parroquias onde for posible. Encomendándolle ao Goberno Municipal  facer efectivo este acordo na maior brevidade posible de tempo”.