A Deputación de Pontevedra aprobou en Xunta de Goberno a contratación da redacción do anteproxecto da nova ponte peonil que unirá os concellos de Tomiño e Vila Nova de Cerveira.

A licitación consiste nun procedemento negociado entre a institución provincial e as tres empresas que resultaron finalistas no concurso internacional de ideas, lanzado a mediados do pasado ano, e dividirase en dúas fases, cun orzamento total de 176.330 euros, segundo explicou o deputado de Cooperación Transfronteiriza e director da AECT Río Miño, Uxío Benítez.

Así, os tres proxectos finalistas terán agora un prazo de dous meses, dende a súa notificación, para ampliar e desenvolver con máis detalle as súas propostas iniciais. Unha vez transcorridos estes 60 días, os servizos técnicos da Deputación iniciarán un procedemento de negociado, no que se analizará a viabilidade de cada unha delas, e durante o cal a institución poderá solicitar modificacións ou melloras, tras o que, finalmente, se seleccionará a proposta gañadora.

A partir de aí, a empresa adxudicataria disporá dun prazo máximo de 4 meses para a redacción do anteproxecto, polo que a duración total desta primeira fase prolongarase ata o primeiro trimestre de 2019.

Nunha segunda fase, cunha duración estimada de 18 meses, a empresa deberá redactar o proxecto construtivo da obra, que incluirá as actuacións previas e demolicións que sexan necesarias acometer, os cálculos específicos das estruturas, a definición concreta dos acabados, o estudo de seguridade e saúde, xestión de residuos, plan de control de calidade, cronograma e traballos complementarios.

Dun total de 24 propostas presentadas ao concurso internacional de ideas, as tres mellor valoradas polo xurado, e que agora participan neste proceso de negociado, foron: ‘Raia’, de Álvaro Siza e Jorge Amorim Nunes da Silva; ‘Caminho do rio’ de Javier Zubia e Paula Teles; e ‘Una línea sobre el Miño’ das sociedades Burgos & Garrido e Bernabeu Ingenieros.