O Pleno da Corporación do Concello de Gondomar aprobou na súa sesión de onte unha moción do BNG na que insta á Xunta a mellorar a calidade da atención sanitaria no Centro de Saúde de Gondomar.
“Nos últimos anos dende o BNG vimos denunciando a situación de deterioro da sanidade pública provocada pola nefasta política do Partido Popular. A folla de ruta de Feijóo á fronte da Xunta foi, a través dos recortes en orzamentos e persoal coa escusa da crise, deteriorar a sanidade pública e darlle negocio á privada”, indica a portavoz municipal do BNG, Manuela Rodríguez Pumar. “A atención primaria é o sector da sanidade que veu padecendo máis recortes: centros de saúde obsoletos, infraestruturas sen rematar de construír durante anos, e unha política de persoal infame, cunhas condicións de traballo e salario indignas, mentres o PP segue a escudarse en que non hai profesionais. No BNG temos presentado iniciativas parlamentares con alternativas consensuadas cos sectores profesionais que son desbotadas pola Consellería, porque a súa aposta é a privatización e, o paso previo, o desmantelamento da sanidade pública”.
O novo Centro de Saúde mantén o mesmo número de consultas que o anterior
Neste contexto, recentemente inaugurábase o novo centro de saúde de Gondomar despois de máis de catro anos en construción. «Unha instalación sanitaria que foi obxecto de redución respecto da súa dimensión inicial polo PP e a súa política de recortes, que provocou que xa dende a súa inauguración conte con prestacións insuficientes para a poboación que debe atender«, indica Pumar.
«Reiteradamente o PP saíu aos medios de comunicación anunciando como extraordinario que ese novo centro de saúde ía contar con seis consultas de medicina de familia e unha de pediatría, cando son exactamente as mesmas que había no anterior centro e son claramente insuficientes. E que no caso da atención pediátrica é especialmente negativo porque, continuar cunha soa quenda de mañá, significa manter unha situación de cupo excesivo, coa conseguinte sobrecarga da profesional que a atende e que no seu día xa obrigou a derivar a familias de novas crianzas a consultas de pediatría noutros concellos do Val Miñor, ademais de non contribuír á conciliación das vidas das familias», apunta a voceira nacionalista.
Pois ben, “pouco máis de un mes despois da apertura do “flamante” novo Centro de Saúde, neste Nadal xa tivemos mostra dos efectos desta política sanitaria do PP: ao non cubrir a Consellería de Sanidade as vacacións das profesionais, producíronse deficiencias e atrasos na atención, con demoras nas citas de até dúas semanas, xa que ou o resto dos profesionais se viron na obriga de asumir as consultas dos que faltaban, incrementando o seu volume de traballo, ou simplemente non houbo atención sanitaria durante ese período”, sinala a concelleira.
«Provocando a necesidade de realizar axustes nas axendas, cos conseguintes trastornos para os pacientes que mesmo se ven obrigados a acudir ao centro de saúde en horarios que non son os seus habituais ou a facelo en máis de un día; ou obrigando ás familias a se desprazar ao PAC da Xunqueira para recibir atención pediátrica para as súas crianzas e incrementando tamén a carga de traballo do/a profesional dese centro«, explica.
Por esa razón, a moción presentada polo BNG e aprobada por toda a corporación «a excepción do PP», contemplaba os seguintes acordos:
- Instar ao Goberno galego a:
- Substituír ao persoal do Centro de Saúde de Gondomar nas súas baixas, licenzas ou vacacións.
- Aumentar o cadro de persoal do Centro de Saúde de Gondomar (medicina de familia, matrona, enfermería,…) co número de profesionais precisos para poder prestar unha atención sanitaria de calidade á súa poboación de referencia.
- Dotar ao Centro de Saúde de Gondomar dunha nova praza de atención pediátrica en horario de tarde, para desconxestionar o cupo de mañá e para contribuír á conciliación laboral e familiar.
2. Apoiar amanifestación convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública para o vindeiro 9 de febreiro en Compostela.