Tal e como se publicou dende a organización, “o CPI Cova Terreña de Baiona parece ter descuberto o segredo de incentivar a poesía no alumnado e, por segundo ano consecutivo, gañou o Premio Respira! de poesía para estudantes no apartado de Primaria. Deste xeito, a alumna Aroa Misa García, que cursa quinto, logrou o recoñecemento do xurado polo seu poema Si e Non. O tema central desta convocatoria era A guerra fronte á construción da paz”.
O festival Alguén que Respira!, que organiza o Concello de Santiago de Compostela co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, convoca este certame poético como un apartado específico do seu programa co obxectivo de fomentar a poesía no impulso das ideas e facer do galego un idioma de intercambio cultural.
Baixo o tema desta edición, Aroa compuxo un poema de 14 versos titulado SI e NON onde verbos e rima forman un fermoso canto sobre a convivencia e o perdón.
“Vivir non é destruír,
amar non é matar” (…)
O xurado salientou a calidade e elevada participación en Primaria, pero tamén subliñou que no apartado de bacharelato e ciclos formativos de 1º grado o resultado foi menos esperanzador, polo que decidiron declaralo deserto. No apartado universitario e ciclos formativos de 2º grao, o gañador foi o poeta Serxio Abalo, co texto Uxío. Abalo, que aínda non publicou un libro individual, si participou en distintos proxectos colectivos e o seu nome pertence ao grupo de voces emerxentes actuais. No apartado de ESO, Claudia Romero Dorna, que estuda 4º de ESO no IES Francisco Aguiar de Miño, alzouse co premio grazas ao poema Danza dos corpos inertes.
Os textos aparecerán publicados no libro do festival, que se entregará aos asistentes dos distintos recitais do seu programa entre o 21 e o 23 de marzo. A propia Aroa Misa, ao igual que o resto dos gañadores, lerán os poemas na sesión do sábado 23, que se celebrará na Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela. Dende o centro educativo facilitarán un autobús para a asistencia da alumna, a súa familia e os compañeiros que a queiran acompañar ao acto.
Cada unha das categorías conta coa súa correspondente dotación económica, o cal converte este galardón no máis importante no nivel estudantil que existe en Galicia.