“A reforma de Concepción Arenal é un exemplo ambicioso da recuperación do espazo público para as persoas que está a realizar o departamento de Mobilidade da Deputación”. Así o manifestaron hoxe a presidenta da Deputación Carmela Silva e o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, durante a visita de supervisión dos traballos na estrada provincial, que suporán un cambio total na imaxe da rúa, da praza de Avelino Vicente e da contorna do convento de San Bieito. Ambos mandatarios coincidiron tamén en esixir á Xunta de Galicia un compromiso claro para o financiamento do novo acceso sur ao Porto de A Guarda.
O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, destacou que Concepción Arenal, a día de hoxe, é a estrada provincial máis urbana dos 1.700 quilómetros da rede da Deputación. Lembrou que foi construída cando non existían as comunidades autónomas e era organismo provincial o que se encargaba de realizar accesos a praias e accesos a portos: “Daquela non estaba configurada a trama urbana de A Guarda como está agora, mais a vila foi crecendo e hoxendía Concepción Arenal é unha rúa urbana máis”, apuntou.
Benítez salientou que toda a concepción do novo proxecto da rúa está pensada para “recuperar o espazo para as persoas e axudar a fomentar a mobilidade peonil, ciclable e sustentable, e en definitiva, para apoiar o comercio local, e todos eses criterios que forman parte da nosa Estratexia de Mobilidade 3.0, e que forman parte das estratexias de mobilidade a nivel europeo”.
Por outra banda, o deputado sinalou que, dado que Concepción Arenal naceu como un acceso ao Porto e agora a súa concepción cambiará radicalmente, deberá poñerse en marcha un novo acceso á infraestrutura portuaria para o que a Deputación plantexou alternativas e no que a Xunta de Galicia debe involucrarse. “Pretendemos que a Xunta se compromenta no financiamento dun novo acceso ao porto por outro lado. A Deputación redactou un proxecto, que xa está en fase de tramitación ambiental e que agardemos que cando estean as autorizaciós a Xunta se comprometa para axudar a retirar de Concepción Arenal todos os vehículos que deben ir ao porto por outro lado”, insistiu.
Pola súa banda, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, fixo un chamamento á Xunta de Galicia esixindo que de “forma inmediata” acheguen os recursos necesarios para que se poidan levar a cabo os proxectos redactados.
O alcalde de A Guarda, Antonio Lomba, tamén aproveitou para solicitar implicación da Xunta no novo acceso Sur ao Porto. Subliñou que “o funcionamento da obra de Concepción Arenal vai aparellada ao novo acceso ao porto. Só poderemos gozar verdadeiramente da nova rúa cando teñamos ese acceso. Sacaremos os coches do centro da vila e teremos espazo para a xente, e cambiará a forma de funcionar da vila. Queremos que mellore a calidade de vida”, asegurou.
Fin de obra, en primavera
Na visita, o persoal técnico da Deputación explicou que as obras en Concepción Arenal abranguen unha zona de actuación son 570 metros lineais e duns 8.500 metros cadrados. Nestes momentos estanse a mellorar os servizos urbanos, soterrando as novas canalizacións de saneamento, pluviais, abastecemento e realizando as acometidas aos edificios, e posteriormente será a quenda sa reforma en superficie.
O obxectivo fundamental da actuación será a recuperación do espazo público, eliminando barreiras arquitectónicas, e creando unha zona de convivencia entre os tránsitos peonís e de vehículos nunha plataforma única con diferentes materiais e texturas: lousas ecogranito, formigonado en cor grafito, lousado de pedra e aceiro corten. Tamén se crearán zonas de estancia con bancos, zonas verdes e alcorques xunto cunha nova iluminación cálida en diferentes ambientes “para que a xente de A Guarda poida saír e vivir a rúa, darlle vida”, explicou a directora de obra, que subliñou que a obra rematará no prazo previsto, na primavera de 2019.
O asesor de mobilidade provincial, Jesús Fole, destacou a importancia de que a veciñanza de A Guarda teña memoria do que era a rúa e as prazas antes da reforma e do que vai ser. “Antes tiñamos un cruce con demasiados coches estacionados, con demasiado pavimento asfáltico só para o vehículo e vai cambiar completamente. Esta é unha aposta importantísima”, dixo.
Segundo manifestou o técnico “queremos rematar xa a obra, e segundo o que estamos a escoitar, todos os baixos comerciais estanse movendo en boa liña, estamos detectando que hai interese polo cambio do concepto, tendo en conta que agora van poder convivir coches e persoas, sempre mantendo os vehículos para servizos, carga e descarga e accesos a garaxes, que estarán permitidos”, apuntou.