Pandereteiras do Sobreiro
Pandereteiras do Sobreiro

O Auditorio Municipal de Nigrán acolle este sábado, ás 18:00 horas, a actuación do grupo ‘Pandereteiras do Sobreiro’, que presentará o seu último traballo discográfico.

A formación de Gondomar nace na A.V. San Martiño de Borreiros en outubro do 2004, baixo a direción da súa mestra Leni Pérez. O grupo está formado por mulleres de distintas idades.

O repertorio inclúe ritmos pertencentes a súa tradición oral: ribeiranas, xotas, pasodobres, valses….temas que coma o vento sutil, levan viaxando a través das xeracións e das épocas, ata chegar hoxe aos nosos días máis vivos cá nunca, máis rotundos.

Porque a música tradicional é unha voz rotunda que, sen embargo, sabe de melodías. Acompáñanse para elo de distintos instrumentos entre os que atopamos pandeiretas, pandeiros, cunchas, culleres, castañolas, gaita …

As pezas interpretadas forman parte dun traballo de campo feito ao longo da xeografía galega, grazas ás melodías que gardaron na súa memoria a xente maior das nosas vilas e aldeas.

Cando cantan música tradicional fan inventario do que somos, do que fomos e do que queremos ser. As Pandereteiras do Sobreiro suben ao escenario sabedoras de que atesouran, como bagaxe sagrada, dentro das súas gorxas as músicas todas da tradición galega.