Tomiño está a sufrir unha nova explosión de praga de moscas e, unha vez máis, «a veciñanza síntese abandonada e reclama solucións xa. É tal a desesperación que moitos veciños están prantexándose pechar os seus negocios e marchar do municipio«, sinalan.
O PsdeG-PSOE lembra que leva dende o primeiro momento preocupándose, denunciando, preguntando, reuníndose con afectados, presentando mocións ao Pleno e iniciativas ó Parlamento de Galicia, «iniciativas que foron vetadas e que carrexaron intimidacións ás Concelleiras socialistas no seu día«, aseguran as socialistas.
Indican tamén que o Goberno nacionalista «tratou de negar a problemática nun principio, mesmo tomándose a chanza nalgún Pleno as preguntas do grupo socialista ao respecto. En febreiro de 2022, cando xa non se pode ocultar o que está a acontecer, empezan a falar dun estudo encargado á Universidade de Vigo. Estudo que non se asinou ata abril de 2023, é dicir, mentiron sen pudor en sede plenaria e a todos os veciños e veciñas durante máis dun ano nun intento de gañar tempo cedendo ante as presuntas presións de propietarios de grandes plantacións».
Xa en agosto de 2023, o voceiro nacionalista dixo que “estaban a traballar nalgo innovador, un protocolo de actuación para a convivencia de actividades agrarias coa vida residencial”.
Desde o grupo socialista se preguntan, Onde está ese traballo innovador?. Porque si estaban traballando niso piden agora colaboración institucional para resolver o problema?. «Volveron a mentir para seguir gañando tempo, ou directamente non fixeron nada porque non teñen interese en darlle solución?».
A presión veciñal dos últimos días provocou que “milagrosamente” ese estudo estea rematado despois de máis de dous anos, «porque chegou o momento en que xa non se pode tapar máis este grave problema. Anos de inmobilismo, inacción, deixadez, falta de traballo e xestión neste asunto provocou que agora estean desbordados e soliciten axuda á Xunta de Galicia, axuda que hai tempo tiñan que ter pedida».
Aseguran que o Goberno de Tomiño dálle as costas á defensa do medio ambiente en favor doutros intereses. «Temos constancia de que recibiron un documento no 2020 denunciando o uso indiscriminado de pesticidas, herbicidas, sulfatos, contaminación dos acuíferos por malas prácticas nos lavados de maquinaria agrícola, extracción de augas ilegais do río, abonos depositados en lugares non apropiados, hiperprantacións e deforestacions salvaxes, contaminación de pozos…«, apuntan.
Rematan as socialistas dicindo que ante estas «aberracións medioambientais o único que fixo este Goberno local foi calar, meter nun caixón as denuncias e mirar cara ouro lado, e aínda así, teñen a desvergoña, a cara dura e o cinismo de vender e promocionar un Tomiño verde e sostible mentres isto acontece a diario no noso Concello».
