MELYTOUR

A Asemblea Veciñal por un transporte público colectivo digno para Gondomar, denuncia publicamente que a Xunta de Galicia autorizou en abril deste ano o recorte de frecuencias nas liñas que comunican as parroquias de Chaín, Morgadáns, Peitieiros e Couso con Gondomar e Vigo.

Segundo este colectivo, «este recorte foi solicitado pola empresa hai máis de 3 anos, e non atende á nova petición feita pola empresa a primeiros deste ano, petición froito do consenso trala negociación coa veciñanza mobilizada».

Estas parroquias quedan sen varias frecuencias nas liñas, entre elas a das sete e oito da mañá, as máis necesarias para se desprazar aos seus postos de traballo, ás citas médicas e á realización de xestións bancarias, comerciais, etc..

A Coordinadora da Asemblea Veciñal polo transporte público de Gondomar, reunida onte luns 30 de xullo na parroquia de Peitieiros, mostra a indignación da veciñanza:

  • Contra a Xunta de Galicia, por permitir deteriorar aínda máis o xa precario servizo de transporte colectivo no noso concello, e por, non conforme con iso, incrementar ademais o prezo dos billetes; e pola negativa reiterada a incorporar Gondomar no transporte metropolitano impedindo así que dispoñamos dos descontos da tarxeta metropolitana;
  • Contra a empresa Melytour por ter, no seu día, solicitado os recortes nas liñas; e, na actualidade, por ter notificado con só dous días de antelación a efectivización do recorte, sen ter os usuarios tempo material para buscar alternativas para os seus desprazamentos;
  • Contra o goberno do concello de Gondomar, por non ter defendido suficientemente os intereses das veciñas e veciños usuarias do transporte colectivo.

Ante esta situación, a Coordinadora da Asemblea Veciñal en defensa do transporte ven de solicitar “unha entrevista co Alcalde para este xoves día 2 de agosto, ás 10:00 horas, para tratar de buscar solucións no curto prazo ás persoas que nas parroquias quedan sen medio de transporte para ir a traballar.

Tamén convocan a asemblea veciñal para o luns día 6 de agosto no Centro Neural de Gondomar (onde está a Policía Local), ás 20:00 horas, na que se acordarán as accións a desenvolver para dar resposta e solucións á un transporte colectivo cada vez máis precario. Facemos pois un chamamento á asistencia a toda a veciñanza de Gondomar, porque a defensa deste servizo público é cousa de todas e de todos”.