Con esta convocatoria, a A. C. Centáurea pretende pular a continuidade e o contido desta tradición, festa ritual de enchentes, esmorgas, máscaras e crítica social, que escarnece todo o considerado serio o resto do ano, e afasta as frustracións cotiáns dun xeito lúdico e humorístico.
Este certame de coplas, aberto á participación de toda a veciñanza, terá lugar o domingo 4 de febreiro, Domingo Corredoiro, ás doce do mediodía, na praza Ángel Urzáiz de Gondomar. As bases para acceder ao certame están publicadas no Facebook da A. C.Centáurea (a.c.centaurea), e as solicitudes de inscrición han ser presentadas entre o 15 e o 31 de Xaneiro de 2018.
O tema das coplas é libre e as letras terán que ser integramente en idioma galego. O xurado, composto por cinco persoas, valorará tres aspectos:
- O enxeño, o humor e o sentido crítico das letras, consubstanciais co espírito do Entroido.
- A posta en escena.
- A composición e acompañamento musical das coplas. O grupo gañador recibirá, ademais do diploma acreditativo, as risas e o recoñecemento de todas as persoas presentes nesta celebración.