Baiona abriu o prazo para participar no Programa Emprégate desde a Igualdade, que ten como obxectivos incrementar a empregabilidade das mulleres, mellorar as súas expectativas e a súa calidade de vida, a través do seu desenvolvemento persoal e dunha mellor cualificación para o emprego. Todo iso co fin de contribuír a que logren unha maior autonomía e participación social e económica.
Diríxese a mulleres con especiais dificultades para a súa inserción laboral e desenvólvese a través dun itinerario con varias fases na súa execución adaptadas ás necesidades das mulleres participantes.
Este Programa, cofinanciado polo Fondo Social Europeo a través do Programa Operativo “Inclusión Social e da Economía Social (POISES) 2014-2020” está promovido polo Instituto de la Mujer y para la Igualdad de Oportunidades (Ministerio de Igualdad) en colaboración con Entidades Locais.
O Programa Emprégate desde a Igualdade realízase a través dun itinerario integrado e personalizado no que se traballan aspectos persoais e profesionais, co obxectivo de facilitar ás mulleres maiores posibilidades para a súa inserción laboral e unha mellor calidade de vida:
- Fomentando a autoestima e a confianza necesaria para que se convirtan en protagonistas activas do seu propio proceso de integración social e laboral.
- Facilitando a información e asesoramento para a definición dun perfil profesional que teña en conta as expectativas de cada muller e as oportunidades de inserción laboral.
- Proporcionando Formación Ocupacional a través de cursos específicos vinculados aos nichos de mercado da zona.
- Asesorando, formando e acompañando a iniciativa empresarial.
- Fomentando a creación e consolidación de redes de autoaxuda e colaboración entre o grupo e con diferentes asociacións de mulleres.
- Informando e facilitando o acceso a recursos especializados.
Para máis información e inscrición: Centro Municipal de Información á Muller.
Rúa Dolores Agrelo, 16, 36300 – Baiona
Teléfono: 986 357 554