A Deputación acaba de aprobar en Xunta de Goberno destinar máis de 1,5 millóns de euros para que 13 concellos da provincia contraten a 57 persoas, afronten gasto corrente e impulsen novos investimentos ao abeiro das liñas 1, de investimentos, 2, de gasto corrente, e 3 de emprego do Plan + Provincia.
Benefícianse destes recursos A Cañiza, A Estrada, A Lama, Agolada, Baiona, Crecente, Lalín, Meis, Portas, Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño. “Seguimos tendendo pontes, e os datos son claros: no que vai de ano ao abeiro do Plan +Provincia temos aprobado xa máis de 7,5 millóns de euros para os concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes”, asegurou o presidente Luis López.
No marco da liña 3 de emprego, a Xunta de Goberno aprobou destinar 198.654 € a Baiona para contratar a 13 persoas desempregadas que traballarán como peóns de obras públicas (8), operarios de limpeza viaria e recollida de lixo (3), conserxe (1) e condutor de camión (1).