Un colmado en Gondomar

A Deputación de Pontevedra, ao abeiro do novo Plan de Mobilidade e Velocidade Segura (Plan MÓVESE 2) do departamento de Mobilidade, vai instalar 31 novos lombos nas estradas provinciais do Val Miñor.

Segundo explica o deputado Uxío Benítez, os novos dispositivos de calmado de tráfico situaranse en seis vías elixidas polos concellos de Baiona e Gondomar en treitos onde é preciso aumentar a seguranza viaria.

Segundo destacou Benítez, o investimento total na comarca do Val Miñor por parte da Deputación no Plan MÓVESE ascende a 510.628,54 euros entre as dúas fases, acadando no actual proxecto –que está en fase de contratación- os case 120.000 euros.

O Concello de Baiona é municipio o que máis dispositivos solicitou nesta ocasión dentro da comarca, cun total de 17, sendo trece deles redutores físicos (RF) e outros catro pasos de peóns sobreelevados (PPS) ubicados en tres estradas: na Baiona-Loureza haberá un RF e tres pasos sobreelevados; na estrada que vai de Baredo á EP-2202 haberá outros dous RF, e finalmente haberá dez redutores e un PPS en todo o longo da estrada Sabarís-Belesar. Deste xeito, nas estradas da Deputación Baiona contará con 25 dispositivos e un investimento de case 114.600 euros.

O Concello de Gondomar, pola súa banda, solicitou nesta fase do Plan Móvese 14 dispositivos para tres estradas. Construirase un novo redutor de velocidade na estrada Gondomar-Peitieiros, outros dous RV e un PPS na Donas-Mañufe, e outros sete redutores e tres PPS na Tomiño-Sabarís. Gondomar pasa así a ser sumar un total de 21 elementos de calmado de tráfico nas vías provinciais e un investimento total entre as dúas fases do Plan Móvese de 83.260 euros.

Por último, o Concello de Nigrán non terá ningún novo dispositivo dentro do actual Plan Móvese 2, pero aínda así será o municipio da comarca que máis elementos de calmado de tráfico obtivo coa Deputación, xa na primeira quenda solicitara un total de 38 elementos, cun gasto de 312.778 euros para as arcas provinciais, só por detrás de Vigo e Pontevedra.