O BNG considera un despropósito o cementado na Senda Litoral da Guarda

“O BNG insta ao Alcalde da Guarda a que solicite ao Servizo Provincial de Costas a paralización da obra e a buscar alternativas menos agresivas, tal e como xa solicitou por escrito hai semanas”

O BNG considera un auténtico despropósito as obras de cementación que se están a realizar na Senda Litoral da Guarda por parte do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.

Para o BNG esta obra é contraria ao sentido que tiña a senda litoral: un vieiro inserido na paisaxe pola que atravesa, con materiais sostíbeis, e o menos agresiva posíbel … pola contra utilízanse materiais tan pouco axeitados como o cemento.

“Queremos vender natureza, queremos vender paisaxe e logo cementamos todo por onde imos. Esta actuación é desacertada, realizada por un Goberno que non ten un proxecto de pobo para a Guarda”, comentou Ángel Baz, portavoz municipal do BNG.

Segundo o BNG o Goberno do PP pretende unha solución rápida e fácil aos continuos desfeitas xeradas polos temporais do inverno. O BNG presentou hai semanas un escrito no Concello da Guarda no que se expuña que se tivese en conta a modificación do trazado para evitar as consecuencias dos temporais, mais sempre respectando o sentido da Senda Litoral.

Polo que a formación nacionalista presentará un escrito solicitando explicacións ao Alcalde e a paralización das obras e o estudo para a mellora do trazado utilizando materiais respectuosos co medio.