CEIP As Solanas

O BNG presentou un escrito no rexistro do concello da Guarda, onde solicita a utilización dos cartos sobrantes da obra de reforma do pavillón de Solanas en melloras para o CEIP As Solanas-Nicolás Gutiérrez Campo, onde está localizado dito pavillón.

O BNG considera imprescindíbel que se utilicen os cartos da “baixa” das obras de reforma do pavillón de Solanas para mellorar diferentes infraestruturas deterioradas no CEIP de As Solanas.

Entre as melloras están a construción dunha pista deportiva exterior, a reposición do firme con xabre dos patios, eliminación de humidades, pintado de paredes, reposición de piso en diferentes aulas, “así como outros compromisos feitos polo goberno municipal que agora eluden” afirman.

Dende o BNG explican que “a situación de deterioro das instalacións do centro escolar deben facer que o Concello e a Xunta asuman responsabilidades para un arranxo con prazos de tempo e que interrompa o menos posíbel a actividade docente do centro“.

Despois de reunirnos coa ANPA e coa Dirección do Centro, temos claro que a Xunta e o Concello da Guarda deben cumprir o compromiso dado de reinvestir os cartos sobrantes das obras do pavillón escolar no centro”, comentou Ángel Baz, portavoz municipal do BNG na Guarda.