«No pleno do pasado xoves 28, o PP aprobou os orzamentos para o ano 2021. O BNG rexeitou estes presupostos por ser un corta pega dos anteriores, por non haber sido entregados con tempo á oposición para o seu estudo en profundidade e poder presentar propostas que se puideran incorporar que fosen beneficiosas para a veciñanza; incluso poderiamos chegar a darlle o voto afirmativo xa que estamos para aportar e ser construtivos. E sobre todo, votamos en contra xa que non aportan nada novo nin proxecto algún que sexa novidoso e ilusiónante para o noso concello«, sinala Xosé A. Rodríguez, voceiro nacionalista.

«Débeda cero?. Sería escandaloso que non mantiveran débeda cero ante o cero investimento de proxectos reais necesarios para saír da parálise crónica que temos no noso pobo. Gabarse de conxelación de taxas e impostos non é un logro, o problema sería subilos coa que está caendo e polo pésimo servizo de recollida de lixo e as infraestruturas de saneamento que verten para o mar sen depurar«, matiza.

«Sería tamén – di – un despropósito non manter ou aumentar a partida social nun concello cunha poboación envellecida e dispersa, así como a atención e potenciación na dependencia. Resaltar que investir en dependencia non é unha acción a elixir, é unha lei que hai que cumprir que o PP recortou en recursos cando Rajoy chegou ao poder (as cousas para facelas tamén hai que crer nelas)».

«A alcaldesa fala da partida de 25.000€ para as traídas, no BNG apoiamos esa axuda e dicimos seguidamente que son as que prestan un servizo básico á veciñanza sacándolle as castañas do lume ao Concello, senón non se podería dar licenza algunha. Este exemplo amosa perfectamente o que diciamos ó principio, de que estes orzamentos co seu equipo de goberno carecen de proxecto de pobo«, explica Rodríguez.

No referido os 10.000€ de axuda á hostalería «dende o BNG preguntámoslle como se ían repartir, a quen e de que maneira; a calada por resposta, de momento non se sabe como. Aprobaron sumarse ó fondo de cooperación da Xunta e deputación 50% + 30% + 20% co que non estamos de acordo porque a Xunta que é quen, ten a obriga e competencias, non pode cargarlle o morto a concellos como o noso. A día de hoxe, non se sabe de canto vai ser ese fondo e canto lle tocaría a Oia. O BNG propuxo colaboración entre as tres institucións aportando todas a mesma porcentaxe dos seus orzamentos, veremos».

Dende o partido nacionalista tachan de «lamentable» a aprobación por parte do PP dun novo escudo e bandeira «amparándose na comisión heráldica sen contar con ninguén máis, sobre todo coas veciñas/os. Non quixeron oír as advertencias da oposición. O BNG propuxo aparcar este asunto e consensualo porque isto só vai dividir á xente. Seica están xordos ou vai ser a bandeira do PP para a próxima campaña. A veciñanza tiña que haber participado desta decisión».

«O dos roteiros está moi ben, polo turismo sostible e de calidade aposta o BNG pero ollo, non vaiamos ofrecerlle eólicos en vez de paisaxe. Para rematar, o BNG preguntou en que situación se atopa o restablecemento do servizo de pediatría, moción do BNG aprobada fai dous meses. A resposta da alcaldesa foi que nin Xunta nin ela avanzaron nada. Advertímoslle que o BNG vai tomar as medidas que considere para denunciar este desleixo. Sen saúde, non hai felicidade», rematao Rodríguez.