O río Louro une Mos e O Porriño e o BNG entende que ambos concellos deben colaborar activamente na conservación dun espazo natural que sufriu múltiples agresións nas últimas décadas. As candidaturas nacionalistas de ambos concellos mantiveron un encontro no que acordaron unha serie de accións conxuntas para restablecer os valores ecolóxicos do río e a súa contorna. O obxectivo común pasa por ampliar os espazos de lecer para a veciñanza sen provocar alteracións no ecosistema.

O candidato á alcaldía do Porriño, Pedro Pereira, volveu reclamar o cumprimento do acordo plenario para declarar Espazo Natural de Interese Local (ENIL) a ribeira do Louro e os seus regos Laxes e Fonteliño. Na súa opinión, “é unha medida que axudará a rexenerar os bosques de ribeira e tamén a defendelos de futuras ameazas, aínda que a maior ameaza, neste momento, é o PP de Alejandro Lorenzo”. O Partido Popular ten a intención de crear un espazo para grandes eventos á beira do río, permitindo o tráfico rodado e creando zonas de aparcamento, unha actuación que implicaría, segundo Pereira, “graves prexuízos para a flora e a fauna”.

Pola súa parte, o cabeza de lista do BNG de Mos, Gustavo Barcia, comprometeuse a prolongar o paseo do Louro ata o límite co Porriño, co obxectivo de unir as sendas fluviais de ambos concellos, “pero respectando os valores naturais da contorna”. Neste sentido, Barcia lamentou algunhas das últimas actuacións acometidas polo PP de Nidia Arévalo, como a reparación dun tramo duns 50 metros de lonxitude nas inmediacións da ponte do Río, en Mos. “Cubriron de formigón a beira do Louro e non foron capaces de aclarar, tan sequera, se contaban co permiso da Confederación Hidrográfica para facer esa chapuza”, indicou o candidato.

Actuacións previstas

O BNG aspira a crear unha senda ecolóxica pola beira do río dende Louredo, en Mos, ata as Gándaras de Budiño e mesmo a ampliar a ruta, seguindo o mesmo criterio, ata o límite co concello de Tui. Ambos candidatos consideran que o uso lúdico da ribeira do Louro é perfectamente compatible coa protección do ecosistema, sempre que as intervencións se realicen dende o máis escrupuloso respecto polo medio ambiente. Un exemplo desta forma de actuar serían as piscinas ao aire libre proxectadas polo BNG do Porriño, situadas en terreos de titularidade municipal e fóra da zona protexida.

Futuro do matadoiro

A recuperación integral do Louro non será completa mentres o matadoiro permaneza na súa ubicación actual, que non atende ao interese xeral, nin desde o punto de vista ambiental nin pola súa proximidade a un núcleo tan importante de vivendas. De liderar o goberno do Porriño a partir do 28 de maio, o BNG traballará desde a alcaldía para que empresa, axentes sociais, Concello e Xunta negocien o seu traslado.