O voceiro do BNG en A Guarda, Ángel Baz

Durante a semana pasada realizáronse obras de asfaltado no porto da Guarda. Estas obras realizáronse sen consulta nin previo aviso á veciñanza e ao sector da hostalaría, de forte presenza na zona.

Nunha fin de semana importante para a hostalaría pola festividade en Portugal, converteuse nunha desfeita pola desidia de Portos de Galicia e o Concello”, comentou Ángel Baz, portavoz municipal do BNG.

Dende a formación nacionalista consideran que “as obras son necesarias e polo tanto hai que realizalas, pero non é menos importante o xeito de executalas, non deixar en mans da improvisación”.

A falta de sinalización, a inexistencia dun operativo de tráfico, a desinformación xeral e a falta de comunicación entre Portos de Galicia e o Concello, causan cuantiosas perdas aos negocios nunha data sinalada” sinalan.

Dende o BNG esperan que “esta situación non se volva repetir cando se realicen obras deste tipo, realizando e tomando as medidas necesarias para manter informada á poboación en xeral e minimizando no máximo posíbel as incomodidades que estas obras xeran”.