BANDALLO // Puerto de A Guarda con la lonja al fondo

O Bloque Nacionalista Galego presentou unha moción no rexistro do concello da Guarda na que se solicita o inicio dos trámites para a realización dun proxecto novo para o acceso sur da Guarda, en virtude das recomendacións do “Plan de mobilidade da Guarda”.

“Para o BNG a necesidade de abordar unha mellora real das comunicacións de acceso ao porto da Guarda é un feito máis que demostrado” aseguran.

Segundo a formación nacionalista, “a rúa Concepción Arenal xa non cumpre coa función de comunicación entre o porto da Guarda e o exterior que tivo durante anos, polo que é necesario abordar unha nova vía moderna axeitada ao movemento de vehículos que os usos portuarios xera ao longo do ano”.

Concepción Arenal pasou a ser unha rúa inserida dentro do casco urbano, polo que necesita un uso diferente e o porto da Guarda necesita outra vía que absorba o tráfico que xera”, comentou Ángel Baz portavoz municipal do BNG.

Dende o BNG deixan claro que “só a falta de interese e a incompetencia do PP e do PSOE fixeron que durante todos estes anos non se fixera absolutamente nada para dotar ao porto da Guarda dunha vía de aceso axeitada, mentres, outros portos galegos tiveron investimentos para a mellora dos seus accesos”.

Para o BNG a apertura desta nova vía é unha cuestión de vontade política. “Agora contamos cun documento técnico, o Plan de Mobilidade, que avala esta posición, polo que xa non hai escusas”, comentou Xan Lois Lomba, concelleiro do BNG.

O BNG lembra que “as competencias na mellora dos accesos do Porto da Guarda son da Xunta de Galiza, mais o Goberno municipal ten a responsabilidade de esixilo e dar todas as facilidades para que esta nova vía sexa unha realidade”.