O BNG considera que xa pasou tempo máis que suficiente para que dende o grupo de goberno do PSOE, dea pasos firmes que aseguren a viabilidade dos estaleiros J. Castro.
Dende o BNG aseguran que “se están a xogar coas esperanzas duns traballadores que no ano 2010, practicamente na rúa, optaron por buscar un plan de viabilidade que garantira o futuro da empresa con grandes sacrificios persoais”.
O BNG lembra que neste momento a factoría ten unha carteira de pedidos á espera, que obrigaría a máis contratacións.
Dende o BNG afirman que “levamos meses traballando para que tanto a Entidade Menor de Camposancos, o Concello e a empresa cheguen a un acordo”.
“O PSOE ten que aclarar publicamente cal é o motivo polo que está a atrasar un acordo que de non chegar, pode levar ao peche da empresa. Un alcalde está para ser parte da solución, non parte do problema. Até agora tanto o alcalde pedáneo como o alcalde da Guarda parecen empeñados en ser parte do problema”, comentou Ángel Baz, portavoz municipal do BNG.
Segundo Baz “o acordo coa empresa beneficia a todas as partes: aos traballadores porque manteñen e incrementan os seus postos, á entidade de Camposancos porque incrementa en máis de 10 veces o canon que estaba a pagar a empresa até agora, e a o concello porque o acordo ven dado por unha regularización da actividade que redunda no cobro de impostos”.
Dende o BNG instan ao Alcalde do PSOE da Guarda a que reflexione e a que chegue a un acordo con Estaleiros J. Castro e poñénse a disposición do grupo de goberno para mediar no conflito, “tomaremos todas as iniciativas posíbeis para evitar o peche da empresa” comentou o portavoz nacionalista.