Pleno A Guarda
ALFREDO // Imagen de un pleno en A Guarda. Archivo.

O BNG fica preocupado pola deriva que está tomar o goberno da Guarda na defensa e promoción do galego tanto nas súa comunicacións como na organización de celebracións intimamente ligadas ao patrimonio cultural galego.

“Quedamos sorprendidos ao ver o cartel anunciador sobre o Samaín no que o único que ten de Samaín é o nome. Non hai unha programación na que se integren colectivos para poñer en valor esta festa na Guarda”, comentou Xan Lois Lomba, concelleiro do BNG, e matiza que “para o BNG resulta preocupante que a celebración do Samaín se cinga a un ciclo de dúas películas tituladas en castelán e que pouco teñen que ver coa celebración do Samaín”.

Dende o BNG afirman que “vense detectado actuacións por parte do grupo de goberno do PSOE encamiñadas á anulación do galego como lingua vehicular. Así púxose de manifesto nas pasadas festas do monte cando o concello repartiu uns folletos indicando medidas de seguridade para a tirada dos fogos en español, no canto de facelo en galego“.

O BNG considera que “este tipo de actuacións, así como a negativa dos diferentes gobernos do PSOE a poñer en marcha un servizo de normalización lingüística para normalizar e potenciar o uso do galego en diferentes ámbitos da vida municipal, como unha mostra clara do pouco compromiso que o goberno da Guarda ten co noso idioma“.