O BNG de Tui presentou unha moción para que se arranxen as deficiencias que, segundo eles, padece o novo centro de saúde. Os nacionalistas indican que, «na actualidade estamos a sofrir tamén no noso concello as consecuencias na mala xestión do Partido Popular no eido sanitario, pois, dende que abriu o novo PAC en Tui, que aínda carece de licencia de construcción, vemos a cotío as seguintes carencias»:
- A sala de espera de urxencias é claramente insuficiente, pois só hai espazo para 10 persoas, véndose obrigados a agardar en corredores e en zonas que non son destinadas a tal fin dificultando o traballo do persoal sanitario.
- Na primeira planta do PAC (zona de consultas) existen só 3 baños, dos cales ningún é para uso exclusivo do persoal sanitario, obrigando a compartilo, ou , en caso contrario , tendose que desprazar, o persoal sanitario, á planta menos un.
- Na zona de vestiarios, descanso e de comida do persoal sanitario de urxencias, hai un forte cheiro a sumidoiro o que fai imposíbel o traballo diario de xeito digno. Non esquezamos que as quendas laborais abrangue desde ás 15:00 horas até ás 08:00 do dia seguinte.
- A porta principal de acceso ao PAC está situada cara ao norte, polo que os pacientes que realizan xestións na entrada reciben contínuas correntes de frío. A súa vez, esta entrada carece de pasarela de protección, e de sitio de aparcamento para poder descargar aos doentes. Por outra banda, polas mañás (até ás 15:00 horas), a porta de urxencias permanece pechada, polo que o persoal de ambulancias vese obrigado a rodear o PAC ou, ben dar aviso, e agardar a que lle abran a porta de urxencias.
«Con independencia doutras accións que poidamos levar a cabo nas vindeiras semanas, en función da evolución dos acontecementos, o BNG buscará o acordo unánime dos grupos con representación municipal, de tal xeito que fique aprobado o apoio para esixir á Xunta de Galiza o arranxo das deficiencias do centro de saúde de Tui,» finalizan.