GOOGLE STREET VIEW // CRA María Zambrano de O Rosal

A substitución dos tellados das escolas do CRA María Zambrano realizada con fondos da Deputación Provincial de Pontevedra por un importe de 140.303 euros son para a portavoz municipal do BNG, Ánxela Fernández, unha obra absolutamente necesaria para as escolas do Rosal.

Pero a portavoz nacionalista afirma que “é unha magoa que esta importante obra, se vexa embazada pola desidia e falta de planificación do Alcalde do Rosal e do seu grupo de goberno, que sen xustificación algunha mantiveron as escolas en obras unha semana despois de comenzar o curso, impedindo deste xeito que comezara o curso no CRA María Zambrano”.

Fernández tamen sinala que “cando falo de desidia e falta de planificación é porque estando aprobada esta obra o 24 de febreiro de 2016, houbo tempo máis que suficiente para executala en períodos de vacacións escolares sen necesidade de suspender as clases, máxime cando se trata de centros separados nos que se puideron acometer as obras en distintos períodos de vacacións. Por non dicir que puideron comezar o 1 de xullo en vez do 11 de xullo co que ganarían 10 días e o problema estaría solucionado”.

Por último Ánxela Fernández, manifesta que “non entendo como a Consellería de Educación da Xunta de Galiza, permite este descontrol nun centro da súa titularidade“.