Playa de O Muiño, A Guarda (Archivo)

O BNG presentou un escrito no Concello da Guarda solicitando unha serie de medidas encamiñadas á mellora do sistema de salvamento nas praias do río Miño.

Dende o BNG afirman que «o incidente vivido a semana pasada na zona da Armona e a Lamiña, é un aviso serio de que hai eivas no sistema de socorrismo no río Miño e entendemos que hai que cumprimentar o sistema coa colocación de paneis informativos con advertencias sobre o perigo das correntes no río, especialmente nesa zona».

Por outra banda, «O BNG considera unha irresponsabilidade ter un dispositivo de socorrismo para praias sen ningunha embarcación de apoio, ante isto, insistimos ao Alcalde da Guarda a posta en marcha dunha praza de patrón» explican dende a formación política e critican que «non entendemos como o Alcalde da Guarda sae en todos os medios de comunicación cunha embarcación de salvamento e agora, cando realmente hai que poñela en funcionamento, non se usa«.

“Non pode ser que teñamos que depender da vontade e dispoñibilidade dun particular para patronear unha embarcación nun operativo de salvamento. É unha situación moi grave, mentres o Alcalde da Guarda presume de Bandeira Azul, temos un servizo de salvamento con deficiencias” comentou Ángel Baz, portavoz municipal do BNG.

O BNG insta ao goberno municipal a que se tomen todas as medidas necesarias para que o servizo de salvamento conte cunha embarcación de apoio e a mellora da información sobre os perigos das praias do río Miño.