A voceira do PP de Gondomar, Paula Bouzós, salientou que o seu grupo municipal avoga decididamente por un “amplo consenso popular” na futura mellora da praza Manuel Alonso da vila que teña en conta a opinión dos comerciantes, dos veciños e dos máis de 3.000 residentes das parroquias de Morgadáns, Peitieiros e Chaín, que se verían afectados no seu acceso á localidade.

“Fronte á imposición ditatorial que pretende o alcalde, como se el fóra o único posuídor da verdade absoluta malia que o pobo lle está a dicir outra cousa, e fronte a unha proposta nociva que pechará a cal e canto unha zona moi importante da nosa vila, desde o PP apostamos polo diálogo de todas as partes para chegar a un acordo de mellora da praza que non prexudique a ninguén e beneficie ao tecido económico e aos residentes e veciños de Gondomar”, manifestou Bouzós.

Así, a voceira municipal anunciou que o Partido Popular de Gondomar votará en contra da peonalización “esaxerada” que propón o alcalde, “xa que vai crear unha especie de búnker que, de facto, porá moitas dificultades para que a xente acceda a esa praza”, polo que causará uns prexuízos similares aos que xa causaron actuacións similares nas contornas da Paradela ou Rosalía de Castro.

Pero en todo caso, Bouzós tendeu a man ao goberno local e deixou claro que os populares están dispostos a apoiar un proxecto de humanización da coñecida como alameda se conta cun amplo apoio social. “Nós estamos a favor de que se invista en Gondomar, e canto máis, mellor, pero non podemos apoiar unha desfeita que xera máis contestación e queixas que posibilidades de futuro. Pero en todo caso, hai que deixar claro que o PP conta con 6 dos 17 membros da corporación, porque así o decidiron os cidadáns e con esta representatividade os defenderemos sempre con moito orgullo, polo que ninguén nos pode botar a culpa de que non saia unha iniciativa adiante, xa que hai outros dous grupos municipais e outros tres concelleiros na corporación, pero o problema que ten Francisco Ferreira e que ninguén está a favor das súas ocorrencias”, sinalou a concelleira do PP.

“O alcalde ten que entender que xa non ten maioría absoluta, aínda que sabemos que lle doe moito e que non se recuperou do varapau electoral, polo que nesa situación xa non pode pasar o rodillo e actuar con soberbia, como fixo na anterior lexislatura sen escoitar nin aos demais grupos nin aos cidadáns, que por elo o castigaron nas urnas. Agora, ten que falar, ten que dialogar e debe negociar o futuro de Gondomar con todos e baixar á rúa e escoitar aos comerciantes e veciños afectados”, detallou.

Finalmente, Bouzós rexeitou e condenou as “execrables medidas de presión” que está a emprender o rexedor contra ela mesma e contra o PP e revelou que está amosar “un elevado e sospeitoso interese” en sacar adiante o peche da praza “como se lle fóra a vida nelo baixa unha falsa bandeira de defensa de Gondomar cando os motivos parecen ser outros”. Ademais, os populares negaron “calquera validez e credibilidade” a unha enquisa que non ten rigor científico nin xera seguridade xurídica, polo que todo apunta a que está “manipulada e aínda así ten, a día de hoxe, a un 43% dos veciños en contra do seu proxecto”.