Tras o feito de que a Xunta e as 4 Deputacións Provinciais faltaran ao seu encontro co Comité de Folga que representa ao colectivo de Bombeiros Comarcais de Galicia o pasado luns día 9, os representantes do gremio convocaron unha reunión de urxencia que tivo lugar no Edificio CERSIA (Santiago de Compostela) onte día 11 a partir das 17:30h e dándose por rematada pasadas as 20:00h.
O encontro reuniu a máis dun cento de traballadores, que garantiron a representación do persoal das catro provincias galegas e nel acordáronse e ratificáronse medidas por parte dos bombeiros que unicamente poderán ser desconvocadas nunha nova asemblea de traballadores.
«O descontento coa actitude das Administracións e o nivel de fartura que acusan os traballadores do Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento, sumado á falta de confianza que teñen nas institucións, fixo que o aluvión de ideas que se expuxeron requirisen dunha fase de debate importante na que se sopesaron medidas de moi amplo calado, aínda que desde o Comité de Folga insistiuse en analizar unicamente aquelas propias do dereito sindical«, sinalan dende o Comité de Folga.
Dos acordos acadados destácanse os seguintes:
1º. Nada de tarefas voluntarias.
Mantense a postura implantada desde o comezo da folga o pasado 15 de xuño no referente á non realización de servizos extraordinarios voluntarios. Esta medida está a demostrar sobradamente que o servizo carece do persoal suficiente mesmo para garantir uns cuestionados servizos mínimos de 3 efectivos por día en cada Parque de Bombeiros.
2º. Dereito a secundar a folga.
Desde o pasado día 15 de xuño, co comezo da Folga Autonómica de Bombeiros Comarcais de Galicia, desde o Comité de Folga instouse aos traballadores a que non se acollesen ao dereito a secundar a folga e por tanto a renunciar á principal ferramenta de presión laboral que a Constitución Española recolle como dereito fundamental. Esta recomendación do Comité de Folga, que se mantivo durante case 4 meses e que en gran medida atentaba contra un dereito fundamental, perde efecto por acordo da asemblea de traballadores, permitindo por tanto que calquera Bombeiro Comarcal de Galicia poida exercer libremente o seu dereito para secundar folga, nos termos e condicións que establece a Lei. A parte traballadora entende as consecuencias que esta medida supón en canto a materia económica e de cotización á Seguridade Social.
Do mesmo xeito que a parte institucional é coñecedora de que esta medida, que chega con 118 días de atraso, podería estar a se aplicar desde o día 1, tamén é coñecedora de que o emprego deste dereito fundamental por parte dos traballadores pode dificultar as artimañas que empregan os Consorcios de Bombeiros para derivar persoal duns parques a outros e así camuflar os potenciais peches de instalacións que van capeando, a pesar de demostrar en máis de 300 ocasións que non son capaces de evitalos.
3º. Mobilizacións.
Ratifícase a convocatoria de 4 concentracións e unha manifestación. As primeiras terán por obxecto trasladar a protesta da parte traballadora ás sedes das catro Deputacións Provinciais, mentres que a manifestación ten por obxecto levar as queixas ao máximo representante da Xunta de Galicia.
O calendario establecido é o seguinte:
- Concentración 20 de outubro: Deputación de Pontevedra
- Concentración 23 de outubro: Deputación de Ourense
- Concentración 27 de outubro: Deputación de Coruña
- Concentración 31 de outubro: Deputación de Lugo
- Manifestación 17 de novembro: Presidencia da Xunta de Galicia
No referido á manifestación do 17 de novembro, acórdase que a convocatoria será a nivel estatal, tratando de contactar con sindicatos, plataformas e asociacións profesionais de toda España para trasladarlles a situación na que se atopa o conflito dos Bombeiros Comarcais de Galicia e demandar o maior apoio e asistencia posible.
Estas mobilizacións esixen para a súa desconvocatoria o acordo asembleario dos traballadores que, chegado o caso de valorar a devandita acción, serán convocados polo Comité de Folga.
4º. Contactos cos grupos políticos.
Difusión en redes. Autorízase ao Comité de Folga a realizar roldas de contacto cos representantes dos diferentes grupos políticos para expoñer a situación e analizar posibles vías de desbloqueo. Establécese unha sistemática de colaboración interprovincial para difundir en redes sociais e cunha periodicidade diaria o cómputo dos peches dos parques de bombeiros, así como as neglixencias que se están producindo na prestación do servizo por parte das Administracións responsables.
5º. Asemblea día 20 de novembro.
Convócase Asemblea Extraordinaria de Traballadores para o próximo día 20 de novembro, para valorar o estado en que se atopan as negociacións e para trasladar a situación aos Bombeiros Comarcais. Na devandita asemblea valoraranse e acordarán a aplicación de diferentes medidas que escalen as aquí recollidas, destacando os peches, as acampadas en lugares públicos ou a folga de fame dos case 500 efectivos que están a prestar o servizo.