Caldelas de Tui conta xon estradas de itinirario peonil seguro

A parroquia de Caldelas, no Concello de Tui, presume xa de dúas estradas provinciais que dispoñen dunha nova senda peonil de 2,2 quilómetros para facilitar os tránsitos a pé da veciñanza e tamén de tráfico calmado grazas aos redutores de velocidade instalados pola Deputación de Pontevedra.

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez, xunto ao alcalde Carlos Padín, supervisou hoxe a actuación de mellora impulsada dende o seu departamento e explicou que as obras rematarán de forma inminente, tan pronto como a climatoloxía o permita, xa que se precisa alomenos unha semana de tempo seco e soleado para aplicar as últimas capas de pavimento na zona da senda.

Segundo explicou Benítez, a obra de mellora foi obxecto de convenio entre a Deputación e o Concello, asumindo o 80% e o 20% dun orzamento de preto de 600.000 euros respectivamente.  “Esta obra vén a significar un exemplo de como a Deputación quere implantar un novo modelo para actuar nas estradas que se basea principalmente nas persoas, e para iso creouse un itinerario peonil cunhas dimensións de 2,5 metros de largo, é dicir, cunhas dimensións apetecibles para que as persoas poidan camiñar e pasear”, destacou.

O deputado subliñou tamén a importancia da instalación de elementos calmado de tráfico co obxectivo de que os vehículos reduzan a velocidade para que non se dean situacións de perigo para as persoas, creando unha zona 30 para toda a estrada. Lembrou que tamén se construíu unha glorieta onde converxen a EP-3004 e a EP-2505 co fin de organizar o tráfico que vai cara a Salceda de Caselas. Benítez salientou que o proxecto incluíu a mellora da contorna da igrexa parroquial de San Martiño de Caldelas, creando unha praza de lastros na que non está permitido o acceso a vehículos para o aproveitamento da veciñanza como lugar de convivencia.