A Cámara Municipal de Caminha(Portugal) e o Concello da Guarda, ultiman xa os preparativos para o I Encontro do libro Luso-Galaico da Ribeira do Miño, un evento cultural que terá lugar de xeito simultáneo o venres 21 e sábado 22 de agosto nos concellos veciños a ámbalas dúas ribeiras do Río Miño.
O evento terá dous espazos diferenciados, en Caminha, na Praza do Conselleiro Silva Torres e na Guarda, na Praza de Avelino Vicente (As de Copas), onde se realizarán presentacións de libros, actuacións en directo, recitais de poesía, contacontos, entre outras accións programadas nesta primeira edición.
Nesta primeira edición participarán os concellos portugueses de Caminha, Vila Nova de Cerveira, Valença do Minho, Monçao, Melgaço e Paredes de Coura e os concellos galegos de A Guarda, Oia, O Rosal, Tomiño, Tui, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, As Neves, Arbo e Crecente, todos eles aportarán a mellor selección dos exemplares producidos no Baixo e Alto Minho, ou que versen sobre esta rexión, cun total de máis de 150 títulos diferentes.
O programa conta coa organización da Camara Municipal de Caminha, do Concello da Guarda, da Junta de Freguesia de Caminha e Vilarelho e do Jornal Digital Caminh@2000.
O evento terá inicio na tarde do venres 21 en horario de 20:00 a 22:00 horas (Esp) e continuará na xornada do sábado 22 en horario de mañá de 11:00 a 14:00 horas e pola tarde de 18:30 a 21:30 horas (Esp).
Programación:
Venres 21:
- 20:00 horas: Inicio do evento coas personalidades políticas e os técnicos de cultura dos respectivos concellos participantes.
- 20:45-21:25 horas: Inauguración do evento con Aser Álvarez González. Director de Arraianos Producións. Presentación da publicación Galicia Rural, un proxecto documental multimedia elaborado en colaboración co Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, que propón ideas para unha reflexión sobre a realidade, os desafíos e as posibilidades de futuro do mundo rural galego.
- 21:25-21:55 horas: Carvalho Calero sem fronteiras. Unha viaxe audiovisual pola vida e a obra de Ricardo Carvalho Calero através dun recital poético e musical de Moisés Quintas e Aser Álvarez. Producido por Arraianos Producións.
- 22:00 horas: Peche do venres.
Sábado 22:
- 11:00 horas: Apertura do sábado.
- 11:05-11:55 horas: ContaContos con Marisol Diz, bibliotecaria de A Guarda e Liliana Geraldes , a cal presentará o seu libro infantil Clara e a illa de plástico
- 12:00-12:40 horas: Ricardo Vicente(Infogauda) e Luís Almeida(promotor do evento e director de Caminha 2000). Luis Almeida falará sobre os seus 20 anos a fronte da súa empresa e da Comunicación rexional.
- 12:45-13:15 horas: Puri Ameixide, «O paso do Miño en 1809: Historia e Literatura á lúz da lúa». Puri Ameixide é profesora de lingua e literatura galegas no IES Antón Alonso Ríos, de Tomiño, e autora das novelas Nada se esquece (Redelibros, 2013) e Claro de Lúa (Xerais, 2018). Claro de lúa transcorre no Baixo Miño a comezos do XIX, cando o paso do Miño polas tropas napoleónicas camiño do Porto, aportando unha visión desta guerra moi diferente da chamada «Guerra da Independencia».
- 13:15-13:45 horas: Actuación musical. Academia de Música Fernández Fao
- 14:00 horas: Peche da mañá do sábado.
- 18:30 horas : Apertura pola tarde.
- 19:15 -19:45 horas: O Rosal estará representado polo autor Praxíteles. Coñecido xa pola súa obra «Yo también emigré a la República Federal de Alemania» (1960-1980) e que fará un percorrido a través das súas obras.
- 20:00-20:30 horas: O historiador local guardés Miguel Villa, escritor de numerosos libros sobre a Sociedade Pro Monte ou as Casas Indianas, falaranos desta vez sobre os temas históricos abordados nos seus libros.
- 20:45-21:15 horas: Recital de poesía a cargo de Krisalida, poeta portuguesa da Ribeira do Miño.
- 21:30 horas: Peche do evento.