A Comunidade de Montes de Camposancos, organiza, en colaboración co Museo Municipal de Etnografía e Historia de Póvoa de Varzim, a “Festa da Recreación Histórica Idade de Ferro na Galiza”, que se vai celebrar o vindeiro día 22 de setembro no lugar denominado «Parque de Chans».

A actividade consiste nunha recreación histórica con base no estudo de materiais arqueolóxicos, comúns entre a Galiza e o norte de Portugal, sobre a vida no poboado castrexo no momento da invasión romana, centrada nos labores cotiáns en relación coa producción metalúrxica, a cerámica, e outras actividades de subsistencia como a agricultura, a pesca e o aproveitamento dos recursos do medio.

Nesta recreación toman parte 50 figurantes, integrantes do grupo de scouts da freguesía de Terroso, en Póvoa de Varzim, que interaccionarán co público asistente.

A dita recreación obedece ao resultado dunha recollida sistemática de documentación histórica e obxectos arqueolóxicos da denominada Cividade de Terroso, que xunto coa citania do Tegra forman dous importantes poboamentos castrexos do noroeste peninsular.

A recreación está dividida en dúas partes, cunha duración aproximada de 1 hora cada unha. A primeira parte terá lugar a partir das 15:30 ata as 17:00 horas, á que seguirá a actuación do grupo musical Cé Orquesta Pantasma co espectáculo «A Voar», especialmente pensado para o público infantil. A segunda parte da recreación terá lugar a partir das 18:00 horas, onde intervirá ademais o teatro de títeres do Museo Municipal da Póvoa de Varzim.

Ademais, durante toda a tarde haberá diferentes espazos no propio parque de Chans, onde as familias poderán gozar participando en actividades de xogo libre con brinquedos tradicionais, creación libre e espazos para a lectura e relax.